Santiago. O gume dos espellos (Toxosoutos, 2010) -o libro 
 de Ramón Caride Ogando, que este serán, a partir das 19.30 horas se 
 presenta na Libraría Couceiro de Santiago- é unha miscelánea de textos 
 xornalísticos e de opinión que percorre dúas décadas de creación. E 
 creación é porque para o autor de Soños eléctricos  non hai 
 fronteiras definidas entre a escrita, xa se realice esta nos libros, nas
  revistas ou nos xornais. A taxonomía da prosa déixalla Caride para a 
 crítica literaria, a que poderá achar neste volume unha voz diversa, de 
 longo percorrido, preocupada por temas como a normalización da lingua 
 galega que, segundo o escritor e profesor, aínda seguen sen resolver. "A
  actualidade de moitos destes textos reside en que a situación da lingua
  galega, por exemplo, é a mesma, nin melloramos nin empioramos. É unha 
 situación reversible, así que non hai que dar por perdida a batalla", 
 asegura un Caride, crítico coa "mercantilización" do xornalismo, que 
 acabou cos suplementos literarios e de creación, e que se dedica agora a
  vender "esa experiencia aditiva" do medo.
  
																													 |