Azos de esguello (1989) viña 
relanzar a carreira de Euloxio R. Ruibal, logo de varios anos afastado 
de dramaturxia. A peza gañou o Premio Cunqueiro dese ano pero non 
coñeceu a súa representación no Centro Dramático Galego. Detrás desa 
decisión estaba -segundo afirma a profesora da Universidade da Coruña, 
Laura Tato, na introducción da reedición de Azos de esguello 
realizada por Toxosoutos dentro da súa nova colección A Esmorga, que 
onte se presentou en Compostela- "a censura sen paliativos á sátira máis
 virulenta que até o momento fora escrita contra a novísima democracia 
galega e, máis en concreto, contra a súa clase política". 
  A
 obra é o retrato de don Galisindo -trasunto da propia Galicia- un 
emigrante retornado da Arxentina que se dedica aos negocios da 
construccón pero a súa cobiza faino buscar máis poder a calquera custo. 
"Hai medios sutís para que unha obra non se chegue a representar", 
asegura o autor dunha montaxe que se representou finalmente en Ribadavia
 en 1995. "A min ségueme parecendo que ten moita actualidade, algo que 
me sorprende. Eu estiven en contacto coa emigración en América e Europa,
 que son moi diferentes. Vendo como vivía a emigración galega en 
Arxentina, produciume unha certa tristeza como vivían desacougados 
porque non estaban onde querían, non tiñan raíces e para saír adiante, 
tiñan que loitar con máis esforzo. Eu falo no libro de pequenas 
corruptelas". 
  Para Ruibal, a obra 
"anticipaba unha situación que hoxe se está a reproducir con máis 
forza". E prosegue: "Eu penso que o labor dos escritores é ser 
testemuñas dunha época pero tamén anticipar que vai vir se seguimos por 
este camiño. Toda a corrupción foise multiplicando". Para o autor, "os 
tempos non son bos, as compañías teñen que vivir e consciente ou 
inconscientemente vanse adaptando. Os titiriteiros sempre estiveron ao 
servizo do poder. Agora están recibindo axudas do poder. Saben que ou 
ben se manteñen integrados ou se teñen que poñer á marxe. Temo que 
moitas estéticas que queren tapar o que ocorre non leven ao noso teatro 
por camiños que o dignifiquen".