Pouco
 despois de presentar un ensaio sobre os  ritos, o autor palmeirán ataca
 de novo coa súa pluma, nesta ocasión coa  novela «As deusas do 
calvario»
Como
 tantos outros afeccionados á literatura,  Francisco Antonio Vidal 
(1957, Palmeira) ve moi complicado vivir da arte  de escribir, por iso 
se dedica profesionalmente á electrónica. Sen  embargo, ten escritos 
unha ducia de libros, entre os que se atopan  novelas, ensaios sobre a 
figura de Manuel Murguía e investigacións de  carácter etnográfico, un 
eido que lle apaixona. O pasado mes de marzo,  saía á luz a súa última 
publicación, As deusas do calvario .
-¿Que se agocha detrás deste título?
-Estas
 deusas veñen sendo un grupo de mulleres que  teñen que enfrontarse a 
todas as vicisitudes da vida, desde coidar a un  home paralítico hasta 
lidar cunha filla drogadicta. Son problemas que  case sempre ten que 
resolver a muller.
-¿Trátase entón dun conxunto de historias?
-Si,
 é unha novela formada por retallos que hai que  ir compoñendo e, ao 
final, conséguese unha especie de retablo barroco.  Son historias 
individuais que se van mesturando.
-¿Pretende ser unha homenaxe ao colectivo feminino?
-Non
 é que sexa unha homenaxe ás mulleres, senón  máis ben á loita pola 
vida. O que quero resaltar é que, ás veces, por  moito que un faga, non 
consegue as metas propostas. Non quero dicir que o  final sempre teña 
que ser o fracaso, xa que hai persoas que realmente  chegan a triunfar.
-¿Elixe ás mulleres por algunha razón concreta?
-Cando
 un escribe, ás veces, os personaxes chegan a  dominarte pero, por riba 
de todo, está a realidade. Neste sentido, quen  soe atender aos 
familiares enfermos ou aturar a unha filla rebelde é a  muller. Iso é 
unha realidade que non pode obviarse.
-¿Cales son para vostede os retallos máis destacados deste libro?
-Podería
 destacar varios, por exemplo onde se  define o amor mediante unha 
fórmula matemática. Tamén como, desde o  maltrato a unha gaivota, quedan
 especificados os personaxes ou a  definición do frío desde un cuartel.
-Esta
 novela saíu á luz pouco despois da  presentación dun ensaio sobre os 
ritos e a fe, ¿que é máis complicado,  escribir novelas ou obras de 
investigación?
-Os
 libros de investigación están dirixidos a un  público moi concreto e 
teñen que servir para achegarlle información nova  ao lector, senón é 
mellor non facelos. Isto implica un traballo intenso  de mirar 
bibliografías, percorrer lugares, falar con xente... Pero a  novela 
tamén implica moito esforzo. No caso de As deusas do calvario  , 
eu decido poñerme con ela despois de ler dous libros e movo moita  
información e publicacións diversas para ir creando os personaxes. Cada 
 obra, independentemente do xénero, require o seu traballo.
-Electrónico de profesión, escritor de vocación, ¿soa un pouco raro?
-Por
 raro que pareza, eu xa fixen o bacharelato por  letras e empecei a 
escribir artigos cando tiña 19 anos. Á hora de  pensar de que vou comer 
todos os días, decanteime pola electrónica.
-¿O de escribir é entón unha afección?
-Escribir
 é unha forma de manifestar as  preocupacións que un ten, isto non quere
 dicir que ao plasmalas nun  papel se resolvan as preguntas, pero si 
consegues enfocalas mellor.
-¿Que ten na mente nestes intres?
-Por
 unha banda, estou pendente de organizar algún  acto para presentar a 
novela en Barbanza e, por outra, estou xa  traballando en novas 
historias. Sempre hai cousas pendentes, un nunca  pode parar de 
escribir.