Por
primeira vez, segundo o seu autor Fernando F. Rego, un libro recompila
o mellor do pop rock galego desde os sesenta ata a actualidade. Rego
animouse a publicar esta recompilación de setenta e dous grupos
musicais, logo de levar anos colaborando na páxina web lafonoteca.net,
onde realiza biografías e discografías comentadas de grupos nacionais.
«Por mor desta colaboración empecei a reivindicar os grupos galegos, e
cando tiven uns corenta feitos empecei a madurar a idea de darlle forma
de libro», explica. E así xurdiu 50 anos de pop rock e malditismo, que
conta coas colaboracións de músicos como Miguel Costas, Germán Coppini,
Nico Pastoriza, Emilio José e xornalistas como Xavier Valiño e Xosé
Manuel Pereiro (tamén vocalista de Radio Océano), que realizan unha
serie de reflexións sobre o que supuxo este medio século no panorama
musical galego, así como enfoques de movementos concretos.
O
libro empeza no 58 coa formación dos Tamara en Noia. Segundo o autor,
nesta época acábase a etapa dos grupos orquestra, aínda que Os Tamara
na súa primeira época fórono, e empézase a facer un tipo de música máis
pop. Cos anos 60 chegou a censura e estes grupos tiveron que realizar
un labor importante para conseguir que as súas cancións compostas en
galego soasen. «Dalgún xeito burlaron a censura porque as súas letras
non eran tan reivindicativas como, por exemplo, a canço catalá, senón
que se consideraban un pouco de feira», explica Fernando.
Os
anos 70 traen máis liberdades, aumentan os grupos pero debido á falta
de infraestruturas, que se localizaban principalmente en Madrid e
Barcelona, a maioría deles chegaron a gravar. «Hai moitas pinceladas
pero moi poucas formacións de pop-rock», apunta. Rego resalta que aínda
que a movida dos 80 tivo como foco principal Madrid, irradiou de xeito
particular en Vigo, onde xurdiu Sinistro Total. Avanzando no tempo, o
autor sinala que os 90 «supuxeron un momento moi rico en canto á
creación dun estilo propio galego: o rock bravú». A modo de conclusión
sobre o libro, Rego apunta que Galicia «antes estaba á cola e agora é
un espello. Cada vez temos máis festivais, traemos a máis artistas
internacionais, e temos tres ou catro concertos semanais. Algo
impensable hai décadas».