Hai aínda poucas semanas que saíu do prelo, 
editada en versión galega por Toxos Outos e Unipro-editorial, a leición 
que pronunciara Alfredo Brañas na Universidade de Santiago en 1892: "A 
crise económica na época presente e a descentralización rexional". Un 
dos editores, Afonso Ribas, propuxérame facer un limiar para esta 
reaparición dese moi esquencido ensaio de Brañas que, malia ser 
publicado daquela, nunca volvera ser imprentado até agora. Aparecida 
esta nova edición, algún amigo enredante suxeríume partir o meu limiar 
en anacos pra publicalo, "por entregas", nesta páxina dominical do GH. 
Deixeime convencer, e velaí vos van a partir de hoxe, coas  oportunas 
licencias dos editores e máis do paciente Tano. Disque haberá un 
agasallo para quen de vós dea chegado ao final da série sen indixestión 
de pedra -limiar, claro. A silicose seica está descartada -mais eu, que 
vós, non fiaría: o esnaquizado feito con rebarbadora levanta moito póo. 
 
 I 
Esta publicación 
debémoslla ao amor á Terra e á xenerosa iniciativa emprendedora de 
Afonso Ribas, un dos corazóns protagonistas e cerebros artífices de duas
 fermosas aventuras editoriais na Galiza contemporán, a infelizmente 
efémera da pioneira revista "Teima" -cando a longa noite de pedra 
semellaba rebentar de vez en alba de groria- e a felizmente duradoira da
 fecunda editorial "Laiovento". Duas andainas nas que eu tiven a fortuna
 de ser un seu compañeiro de combate cultural, como o fora de combate 
político cando eramos "pexegos" os dous, inda non escachizada a pedra de
 aquela noite interminábel. Forxouse así entre nós unha amizade 
fraternal que perdura, e un recíproco entendemento baseado na comunidade
 de idearios e arelas que partillamos activamente verbo da emancipación 
do noso povo, e que abrolla decote nas nosas conversas e ás veces coalla
 en proxecto por obra da sua entusiasta iniciativa. Tal é o caso desta 
primeira edición en idioma galego dunha das pezas ensaísticas menos 
coñecidas de Alfredo Brañas. 
Haberá cousa de dous anos que, nun 
serán de palique con Afonso arredor duns faiscantes viños da raia 
galego-portuguesa -dises que il tan ben coñece e tanto estima- a 
singladura da nosa conversa recalou na abra Brañas. Coido que fora il 
quen relembrara a referencia que eu fixera hai anos, nun meu xa vello 
texto, a un insólito programa político que Brañas enunciara en certa 
ocasión -insólito porque, considerado na sua textualidade, resultaba 
enchoupado dun soberanismo galego precoz para o seu tempo e disonante do
 canon rexionalista característico da sua obra máis difundida e do 
pensamento considerado xenuinamente peculiar seu. Rememoramos xuntos  
que non menos insólita resultaba ser a ocasión escollida por Brañas para
 publicitar ese programa, poisque o fixera a xeito de colofón do 
discurso que pronunciara como leición inaugural do curso 1892-93 da 
Universidade compostelán, na que, como é sabido, profesaba a cátedra de 
Economía Política -e, dadas as convencións inda hoxe imperantes, non 
parece ser un acto académico solemne desa caste o máis acaído para 
proclamar "urbi et orbe" unha posición ideolóxica persoal e guindarlle 
ao público un programa político, por riba tan heterodoxos unha e outro 
naquel contexto e en boca dunha figura tan conservadora e respeitosa das
 liturxias sociais estabrecidas como disque era o Brañas.  
Rexoubamos
 e rímonos un cacho imaxinándomos a escena, e fixémonos de voz alta 
interrogacións e conxeturas varias verbo da enigmática e contraditoria 
persoalidade do Brañas patriota galego e tradicionalista, católico e 
antiforista, aristócrata de esprito e exaltador dos labregos, ademirador
 da Irlanda independentista e simples rexionalista pro domo sua -ou se 
cadra cripto-nacionalista como eu aventurara... Volvinlle contar -pois 
seguramente non era a primeira vez que o facía- a peripecia do exemplar 
que eu posuira dese discurso. Un vello volume que eu recordaba de sempre
 na biblioteca do meu pai, encadernado en pastas duras, impreso na de 
Paredes -a compostelán Imprenta Paredes, hoxe desaparecida, tan presente
 na miña memoria infantil e adolescente porque un fillo do impresor 
estudaba piano coa mesma mestra ca min. Ese volume fora un agasallo das 
irmás de Brañas, que tiñan unha escola na que o meu pai estudara cando 
neno, igual que un exemplar de El Regionalismo coa sinatura do 
autor. Fora meu pai quen me iniciara no coñecemento da figura e a obra 
de Brañas, e transmitírame moitos dados e anécdotas encol da sua 
persoalidade e a sua vida que lle contaran as irmás, coas que il 
mantivera unha agarimosa relación mentras viviron -e que co tempo fun 
esquecendo, mais seguro que ficaron encovadas no limbo da miña memoria. E
 regalárame eses dous volumes cando eu gañara a miña cátedra -mais ao 
cabo ían desaparecer da miña biblioteca nun trance crítico da miña vida 
que non ven a conto relembrar. 
A leición de Brañas versaba sobre a
 crise económica da sua época, e o relembrármolo ocasionou que a nosa 
conversa virase cara a crise financeira que arestora estaba a estoupar 
no corazón do imperio. Néstas, ao Afonso ocurríuselle suxerir a 
oportunidade de editar agora ese discurso traducido ao galego.  Dito e 
feito -o Afonso évos un home resolutivo: púxose á obra decontado. Mais, 
non dispóndomos do volume que eu posuira, compríalle percurar outro 
exemplar asequíbel para traballar nil -e non semellaba doado, dada a 
rareza de aquela publicación. Resolveulle o problema a impar "Biblioteca
 Penzol": alí estaba a obra, e permitíronlla fotocopiar. Púxose a 
traducila il mesmo -e velaeiqui está. 
Como se fose un aceno de 
complicidade dos nosos devanceiros máis egrexios, o exemplar da "Penzol"
 que teño, fotocopiado, perante os meus ollos leva estampadas na portada
 interior, con inconfundíbel escritura autógrafa, esta lenda: "R. Otero 
Pedrayo/ Sant Iago de Compostela/ 31 xaneiro 1957". Asi que era iste o 
exemplar de Don Ramón... E, cousa para min rechamante, non o dera 
adequirido -seguro que non o dera achado- até nada menos que xaneiro do 
ano 1957, ou sexa, durante o penúltimo curso da sua serodia profesión 
docente como catedrático de Xeografía na Universidade compostelán 
-xubilaríano no 1958, ao cumplir os setenta anos e, como é ben sabido, 
por mor da represión que padecera por parte do fascista rexime 
franquista, o criador da primeira e inda hoxe paradigmática "teoría 
xeral" da xeografía galega non puidera acceder á cátedra dese eido 
científico na universidade da sua nación até o curso 1952-53, cumplidos 
xa os sesenta e catro anos de idade. 
No reverso en branco desa 
mesma folla, Don Ramón -que era abondo máis metódico do que dan a 
entender os estereotipos da sua persoalidade humán máis comunmente 
difundidos- compuxo tamén do seu puño e letra un índice dos capítulos do
 libro, coa correlativa paxinación.  E na cabeceira da páxina na que 
comenza a "Introducción" do discurso de Brañas, topámonos con outra 
solpresa para quen suscreben a tópica imaxe dun Otero ideolóxicamente 
conservadurista e transnoitado, poisque aí estampa il a sentencia de 
Concepción Arenal que transcribo literalmente para vós a seguida: "Se 
mencionan y discuten diferentes crisis q/ tienen mas ó menos influencia 
en el bienestar del obrero... pero no se habla de Crisis intelectual q/ 
existe y es factor poderoso de los problemas sociales. (C.Arenal - La 
instrucn. del obrero.) -inf. 1892-". Finísimo e elegante xeito tácito de
 se distanciar ideolóxicamente con ironía da cosmovisión de Brañas, ou, 
pola contra, apoiatura a algunhas das matinacións contidas nese primeiro
 treito da obra? A vós, leitores, corresponde xulgáredes co voso proprio
 criterio.