Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

D" Os Tamara a Emilio José


Autor:      Daniel Salgado
10/06/2010

Entre o concerto en que Os Tamara telonearon a Jacques Brel no Olympia
de París e a actuación, fai dúas semanas, de Emilio José no aquelarre indie
da Primavera Sound barcelonés, transcorreu medio século de música pop
xurdida en Galicia. Dese estraño, retorcido, intermitente traxecto
trata 50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, o
libro de Fernando Fernández Rego (Ferrol, 1979) que Toxosoutos acaba de
colocar nas librarías. "Pero eu coincido con Emilio José, a música
galega non existe", sinala, "o único que comparten os nomes recollidos
no libro é o DNI".

E eses nomes acadan os 72, o número de bandas, solistas ou dúos que, con ficha da súa discografía completa e comentada, inclúe 50 anos de pop...
Textos de ilustres protagonistas da escena galaica - Xosé Manuel
Pereiro de Radio Océano, Germán Coppini de Golpes Baixos e Sinistros
Total, e os críticos Xavier Valiño e Jesús Ordovás - completan a obra.
"A idea xurdiu de LaFonoteca.net, unha base de datos do pop
español en que escribo sobre bandas galegas", lembra, "e cando xa
sumaba unhas 40 vin un oco: faltaba unha obra ampla sobre o rock en
Galicia".


Só Alberto Casal, Rock & grelos (Lea, 1996), e Xavier Valiño, Rock bravú. A paixón que queima ou peito
(Xerais, 1999), ocupáranse, ata o momento, da materia. Pero fixérano
desde unha perspectiva parcial, a que daba situarse nos lindeiros do
bravú. "Si, aquilo foi o máis parecido a un rock autóctono que houbo, a
resposta galaica ao grunge ", opina Rego sobre a quinta de
Diplomáticos, Rastreiros, Yellow Pixoliñas ou Ou Caimán do Río Tea. O
traballo de Fernández Rego, porén, amplía o foco e diagrama un posible
esquema histórico do pop galego.


Dos pioneiros Tamara, a finais dos 60 unha máquina de soul,
ou o pop de Andrés Dobarro, o volume pasa aos francotiradores de
comezos da década seguinte, cando, segundo a opinión de Rego, empeza a
música moderna en Galicia. "Están Mahía, cun xogo de voces ao Crosby,
Stills & Nash; Tara [muller que cantaba versións de Aretha Franklin
ou Dusty Springfield] ou NHU". A este grupo compostelán pertence o
primeiro e último disco de rock progresivo en galego, homónimo, e
cotizada peza para o coleccionismo internacional. 50 anos de pop... exténdese despois pola premovida - Bar ou Metro, grupos new wave con base en Vigo e Carballo antes de 1980 -, a movida propiamente dita, a promoción de bandas que prefiguraron o indie - Os Contentos, de Lugo, ou Os Esquizos da Coruña - e a explosión independente que aínda domina o panorama.


Para
sintetizar a historia do pop galaico, Fernández Rego reuniu unha lista
con máis de 300 posibles nomes. "Intentei non deixar moita xente fóra",
escúsase. O filtro, dos tres centenares aos 72 que finalmente aparecen
no libro, baseouse na "repercusión, as devocións persoais e o
malditismo". Precisamente neste substantivo déténse Rego: "Tamén quixen
reivindicar os grupos máis esquecidos, que non estaban exentos de
calidade, e que foran enterrados na historia ". Os Contentos, que no
Lugo dos 80 fixeron reverberar guitarras garajeras, os seus coetáneos Vos Quinindiolas, comandados polo escritor Xelís de Toro e con querencias pola black music,
ou a alta enerxía dos Eskizos, coruñeses de principios dos noventa,
forman parte dese pelotón de escuridades pop rescatadas en 50 anos de pop, rock e malditismo.


O
traballo de arrastre que desembocou no libro levou o seu autor por
cubetas de vinilos de saldo e locais de venda de obxectos de segunda
man. E aínda que non todo aparece no ciberespazo e o ignoto pop galaico
anterior ao indie aínda non é carne de mp3, a conexión vía
Internet axudou. "A Rede favoreceu que a obra saíse adiante", admite,
"e facilitou conseguir carautas e os tracklist [listas de
cancións] dos elepés ". Dese xeito de operacións emerxeu unha obra que
prescinde de narrar a historia do rock para converterse en catálogo.
"Quixen facer unha guía didáctica, inspirada neses libros tipo As 1001 películas", di, "pero non descarto algún día utilizar toda a documentación que xuntei para escribir un relato".


Pechan 50 anos...,
que se publica acompañado de dous cedés, colaboracións diversas. Nelas,
algúns nomes populares da música galega escollen as súas gravacións
predilectas. Fernández Rego non engadiu as súas, estas: Chámome Andrés Lapique Dobarro;, o debut de Sinistro Total; o primeiro maxi de Golpes Baixos, o equivalente dos Contentos e o disco de Triángulo de Amor Bizarro de 2007.