Noticas de interés - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle de la noticia:



Ver noticia

Cráter, de Olga Novo


Autor:      Ramón Nicolás
03/04/2012

Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar cun exercicio sinxelo pero revelador como sería realizar unha antoloxía de versos que por el circulan e penduralos en post-it para cubrir algunha parede libre  segundo os gustos de cadaquén; os meus serían, entre moitos outros: «o calcio da linguaxe / aliméntame os ósos»; «bisneta que fala co sílex da madrugada»; «poñendo a lingua no punto exacto que manda a madre fonética», «Vilarmao Vilarmao a rentes de ningún santo patrón na puta diocese da nada»; «metade flor de cerdeira / memoria cortada pola metade», «falo co reverso do padal / a esencia da linguaxe»…,  e as razóns destas eleccións non sei ben en que alicerzalas.

     Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar aludindo ao concepto de impacto, pois hai moito disto na súa disposición e obxectivos, mais tamén cumpriría apuntar ao acaído da estrutura cuadripartita pola que se optou: «Cinsas», o primeiro bloque, revela un testemuño dolorido, mais resistente e esperanzado contra a extinción das lembranzas, contra a ausencia e as ausencias. Declaracións de amor, talvez, polas orixes e por quen as simboliza -a nena, a nai, o pai, a bisavoa, o irmán, isto é, a estirpe: ese sistema linfático compartido-; polos espazos vivos na recordación que se «descalcifican» e nos que a fronteira entre a vida e a morte é case intanxible de maneira que logo de proxectalos no presente, na escrita, volvan adquirir vida; «Pedra», o segundo apartado, aséntase nos ecos dun pasado inmemorial e partillado;  »Lava», procura reflectir a instantaneidade de todo o que acadou e tocou e, por fin, »Rocha», que retorna, se é que algún día a autora saíu dela, á exaltación da linguaxe erótica.

    Para falar deste Cráter de Olga Novo poderíase comezar sinalando o universo telúrico que agora se comparte, o ímpeto libertario que o domina a súa escrita, o esforzo por construír un manual que se converte nunha orografía, honesta e intensa, de si mesma, daquilo substancial no que acredita.