| 
									
										
										  
											| Listado de novas:
 
 
                                                                            
                                                                            
																																						                                                                            
																				
																					
																						| 
																								
																									|   
																										Versos corrente de lavaAutor:       Montse González
 10/02/2012
 |  
																									| 
 [...]Di Olga Novo que poesía é choque brutal que muda a nosa pel. Supuración da experiencia profunda. Corrente de lava que nos expulsa de nós mesmos. Vida, e non só exercicio literario. E así é o seu novo libro, Cráter, que Toxosoutos acaba de tirar do prelo. Obra fervenza, como todas as súas. Torrencial. Volcánica. A autora anunciara xa n"A teta sobre o sol que a súa arela era máis a intensidade que a perfección. E niso anda. E non é a única. Ela mesma explica que todos os poemas do mundo están conectados por unha sorte de sondas subterráneas. Fíos invisibles. Diálogos múltiples. E debe de ser certo. Cráter amosa confluencias con outros dous poemarios que chegaron recentemente ás librarías, ambos editados por Espiral Maior: Acuática Alma de Marta Dacosta e Leopardo son de Pilar Pallarés. Alén de diverxencias xeracionais. |  
																									| Ler máis... |  |  
																				
																					
																						| 
																								
																									|   
																										Olga Novo: ""Á poesía profunda accédese pola vida, non polos libros""Autor:       EL PROGRESO
 27/01/2012
 |  
																									| 
 [...]OLGA NOVO (Vilarmao,
 A Pobra do Brollón, 1975) é unha coñecida poeta e ensaísta licenciada 
en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Mañá 
presentará na súa terra natal o poemario ‘Cráter’. En que consiste a obra? É un libro de poemas que exalta a beleza, a vida e o amor como 
motivos de liberación humana integral. O título ten que ver coa miña 
propia concepción da poesía. Un cráter pode ser a boca dun volcán e 
tamén producirse, coma os cráteres da lúa, polo impacto dun corpo 
astral. Para min a poesía é un impacto e é ao mesmo tempo a posibilidade
 íntima de expansión do sentir e do pensamento, é dicir, da linguaxe 
profunda. Así, o libro contén catro partes que constitúen os síntomas 
dunha erupción volcánica: Cinsa, Pedras, Lava e Rocha metamórfica. A 
cinsa, o corazón do libro, trata sobre o abandono, por parte dos poderes
 políticos, do noso mundo rural galego. É un canto á beleza que se 
extingue, e cántoa como valor de resistencia e supervivencia. Co noso 
mundo rural vaise unha cultura, e con ela a nosa lingua. Os e as poetas,
 que vemos e amamos a beleza e a vida, non podemos ollar para outro 
lado. Dándolle lugar en min a este mundo de algún modo fágoo revivir. 
Neste libro hai moitas elexías, declaracións de amor a seres que xa non 
están, pero hai tamén unha proclama rotundamente vital, libertaria, 
optimista e que loita sen descanso pola felicidade e o progreso humanos. Que supón presentar en Brollón? Esta presentación é un verdadeiro pracer poético para min 
porque neste acto non haberá só a presentación do meu libro, senón que 
estaremos xuntas tres xeracións poéticas de Brollón: o brindeiro Pepe de
 Forgas, unha marabilla da poesía de tradición oral, que estará 
acompañado á zanfona por Xosé Maceda; e ademais contaremos coa lectura 
poética dos nenos gañadores do concurso de poemas de Nadal, Sheila 
Leiras, Iago López e Joel Fernández. Unha xornada de Poesía Nosa para 
disfrutar. Precisamente a casa da cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome dende hai un tempo. É unha honra que o meu nome 
represente a cultura no lugar no que nacín, obviamente. Nese meu nome en
 realidade hai moitos outros nomes de persoas que traballan decote polo 
progreso do pensamento e o avance da cultura, da escrita e da non 
escrita. Como recorda o día do nomeamento? Con moito agarimo, polo afecto de tódalas persoas que alí 
estaban acompañándome e pola valentía dunha corporación municipal de 
esquerdas que estaba a dar nome e voz, a través de min, á xuventude 
progresista de Galicia, a unha muller nova, a unha creadora do lugar, de
 familia humilde. Nesa xornada houbo un momento especial no que recordou a catro veciños de Brollón. Foi para min o momento máis especial, eu nomeei á corporación 
municipal do 36, en nome da memoria que proclama a verdade e a xustiza 
cos xustos asasinados e silenciados polo fascismo. Porque no meu nome 
tamén debía estar o deles. Non é a primeira vez que ten un recoñecemento dos veciños xa leu o pregón das festas de Monforte. Si, no 2008. Foi tamén un pracer e unha honra para min poder desexarlle aos veciños a ‘Ledicia de Lemos’. Recuperando a súa faceta de poeta. Como foron os primeiros pasos nese eido? Empecei a escribir de moi nena, cando
 xa sabía de memoria os poemas daqueles libros de texto dos meus irmáns e
 entón decidín escribilos eu para que non se me acabaran nunca… na fonte
 de Vilarmao, na casa, nos soutos e nos lameiros. Co natural pracer dun 
xogo necesario que xa non me ía abandonar. Porque a poesía ía comigo 
vendo a beleza do mundo e sentindo todo de todas as maneiras, como di o 
poeta Fernando Pessoa. Ir cara á poesía foime algo natural, como para o 
corvo ir beber a gota que calmará a súa sede; para min ser poeta foi 
simplemente ser eu. Tiña dificultades para acceder á poesía? Accedía á poesía cada mañá esperando o transporte escolar, uns 
minutos de escoita do grilo ou dun paxaro. Accedía a ela de forma 
natural, como supoño que fixeron tódolos poetas populares dos que non 
gardamos nome pero si memoria a través dos seus cantos. Á poesía 
profunda, para quen a sabe ver e quen a ama, accédese pola vida e non 
polos libros. Como recorda a publicación do seu primeiro libro, A teta sobre o sol? Como un proxecto editorial fermoso 
levado a cabo por poetas entusiasmados e xenerosos que me deron a 
posibilidade de amosar ao mundo aquel meu mundo, a miña ollada, a miña 
forma de respirar o osíxeno do amor, da vida, da beleza, da liberdade. Vinculase a súa poesía o erotismo, como valora esa relación? Na miña poesía hai unha profunda proclama erótica no senso en 
que eu celebro a plenitude da vida, e polo tanto tamén a do corpo e a 
dos sentidos todos. A felicidade dos seres é o que verdadeiramente 
importa, e ninguén é feliz se non é libre, e ninguén é libre se reprime o
 seu sentir. Eu canto ao erotismo como canto a terra, o pensamento, a 
lucidez, a rebeldía, os lugares e o amor, porque a poesía é a beleza 
múltiple e plural do mundo e nela cabe todo e nela cabemos todos e 
todas. Combina a poesía coa docencia. Son mundos compatibles? Por suposto. A poesía é compatible coa vida e sen ela non 
existe, polo tanto, con paixón e ledicia todo vai adiante. Ademais 
incluso a docencia me ten inspirado algún poema de agradecemento ao meu 
alumnado. O profesor tamén debe aprender dos seus alumnos e alumnas. 
Como dicía o poeta lugués Luis Pimentel: «o poeta é un mestre sin ira». Cales son os seus plans de futuro no mundo da literatura? Van sempre da man da miña vida: a procura dunha existencia 
plena no ético, no estético e no emocional. Poesía Amor e Liberdade. 
Facer feliz a quen me fai feliz e ir facendo con calma pero sen pausa o 
lento traballo pacífico do progreso do pensamento. Para que a utopía 
teña o seu lugar neste mundo, hai que seguir soñando e proclamar o soño:
 ese é o deber dun poeta. 
            | DE PRETO
            «Síntome guímara, sei que son de todas as partes» |  
            | Que recordos ten de Vilarmao? Este 2012, no que decidín coller un ano sabático 
para rematar algúns proxectos literarios e de investigación, estou a 
vivir en Vilarmao, co cal pode dicirse que os recordos da infancia e a 
adolescencia se mesturan co día a día, feliz de espertar cos paxaros e 
coa xeada que cobre os lameiros; feliz de ter aos meus pais tan preto de
 min, exultante de plenitude ao concordar o soño coa realidade, vivindo 
no lugar que quero, e a carón de quen quero, meu mellor amigo, facer 
cabanas, escaparme á fonte soa para escribir sonetiños; a paixón de 
aprender na escola; ler a Kafka coa miña irmá mentres gardabamos as 
vacas; o recendo do pan saíndo do forno; os poemas que me recitaba miña 
mai cando eu tiña tres anos... as mans do meu pai volvendo do frío. Que nota de falta cando está fóra? Cando estou fóra disfruto de estar fóra. Un sempre 
leva o seu lugar canda un, e creo que é moi positivo coñecer outras 
culturas e saír dun mesmo. Eu son universalista, a apertura non está 
reñida co enraizamento, máis ben aliméntanse. Precisamente porque me 
sinto guímara, sei que son de todas partes. | 
 |  
																									| Ler máis... |  |  
																				
																					
																						| 
																								
																									|   
																										Alberte Momán regresa á poesía cunha obra sobre as relacións cotiás Autor:       NORDESÍA
 11/01/2012
 |  
																									| 
 
Aínda que a súa profesión sexa a de enxeñeiro técnico agrícola, Alberte 
Momán (Ferrol, 1976), é escritor. Agora acaba de publicar “Os 
quilómetros que percorremos dende aquela” (Toxosoutos) unha indagación 
nos conflitos íntimos estruturada en tres partes que conforman tres 
relacións sentimentais e humanas. Unha poetización da existencia cotiá 
sobre a que Momán sinala: “Non se trata de poesía erótica, como se ten 
sinalado atendendo á miña traxectoria. O libro fala das relacións 
humanas con tres persoas, e nesas relacións hai erotismo, do que falo 
como un elemento cercano á existencia, pero tamén doutros elementos de 
calquera parella ao longo do día común, como o traballo, que tanta 
influencia ten sobre as persoas”. 
En canto ao estilo, Momán asume 
unha forte carga visual na súa poesía e neste “Os quilómetros que 
percorremos dende aquela”. 
Así, na última parte ten moita influencia a película “In the mood for 
love”, do director Wong Kar-Wai, a través do seu protagonista Su 
Liz-Hen. “Creo que as referencias visuais son comúns a moitos autores 
contemporáneos. Eu pretendo crear imaxes suxerentes, comprensibles para 
calquera lector amais da referencia e paralelismo a unha obra concreta 
como, neste caso, ‘In the mood for love’, que ten bastante peso na 
terceira parte do libro”. 
Ao tratarse de relacións persoais podería 
pensarse que o poeta ferrolán fala en clave autobiográfica, algo que el 
nega. “Na literatura mestúrase o que é real e o que é fición. Ista non é
 unha narración histórica”. 
Alberte Momán respira literatura. 
Esparexida pola súa obra figuran libros e colaboracións en numerosos 
libros e revistas, sen perder o contacto coa súa terra. “Procuro 
colaborar coa revista Atenea, do Ateneo Ferrolán”, avisa como xeito de 
manter as súas raíces. No eido literario continúa a traballar dentro 
colectivo “A porta verde do sétimo andar”, que fai recitais e 
actividades por vilas e cidades galegas, e incluso hai pouco visitou 
Madrid. “O colectivo ten a faceta editorial: os Q de Vián Cadernos. 
Trátase dun proxecto do colectivo que busca incidir na visibilidade da 
produción artística galega. Esta colección nace con afán de 
continuidade. Xa saíron traballos de Rosa Enríquez, Kiko Neves ou unha 
obra miña e de Alba Méndez sobre Rosalía de Castro, entre outros 
traballos. Resulta estimulante dar a coñecer novas propostas”.  
Imaxinación >
 En canto ao futuro, Momán agarda presentar “Os quilómetros que 
percorremos dende aquela” en Ferrol, quizais o mes próximo. Xa, ao longo
 do ano, sairá o seu regreso á narrativa. “Trátase dun libro de relatos 
breves que sairá en Sotelo Blanco. Son historias moi breves, moi pouco 
descritivas e que piden a intervención do lector, da súa imaxinación. 
Son historias que tratan de suxerir máis que describir, algo que me 
gusta máis”, confesa.
[...] |  
																									| Ler máis... |  |  
																				
																					
																						| 
																								
																									|   
																										Os quilómetros que percorremos dende aquela Autor:       Montse Dopico
 30/12/2011
 |  
																									| 
 [...]"somos fame/ tamén/ para o soño". Haikus, coma este. Poemas longos e curtos. Algo de prosa. Todos teñen o seu espazo en Os quilómetros que percorremos dende aquela , (Toxosoutos), o novo libro de Alberte Momán .
 Unha obra na que o autor ferrolán amosa como a súa voz poética sigue 
medrando. Cada vez máis limpa, no estilo. E cada vez máis rica, na 
expresión.
Non é a primeira vez que Alberte Momán  fai literatura erótica. Xa gañara o Illas Sisargas con Baile Átha Chiath  no 2008 e o Narrativas Quentes por O lobo da xente. En Os quilómetros que percorremos dende aquela volve explorar o amor, na súa cotianeidade. As súas distintas etapas. Tamén o desamor. A ausencia. A dor da despedida. 
Pero segue a ser recoñecible, neste libro, o Momán máis político: menos visible aquí, porén, que en, por exemplo, A crise irredutible .
 "recorro ás vontades da propiedade privada/ que sente un desprezo 
tenaz/ contra a forza de traballo", di. Ou "o que me lembra un detalle 
de min mesmo/ desa escura pero esperanzadora/ condición de neofalante/ a
 ironía máis cruel/ ou o sarcasmo/ abrollan dos meus beizos na lingua do
 imperio".
Do mesmo xeito que en Sermos un ,
 a obra coa que gañou o premio de poesía Aurelio Aguirre, sosteñen este 
texto forzas opostas: o amor e a xenreira. Só que do amor tamén se 
amosan as súas distintas caras: paixón, soidade, dependencia...
Como se pon de manifesto, unha vez máis, a febleza do sistema económico e
 político que nos constrúe: "tan só coa verticalidade dos meus versos/ 
son quen de definir á esquerda deste país/ que crin recuperar/ neste 
traballo/ que comezo/ con retardo/ a comprender/ detestando a miña 
figura ambigua/ intrascendente", escribe. "vivimos a nosa/ propia/ 
Perestroika/ perdidos na postmodernidade", di noutro lugar dun poemario 
estruturado en partes independentes e interrelacionadas. 
Momán forma parte do moi activo colectivo "A Porta Verde do Sétimo 
Andar", co que publicou non hai moito outro libro, "De Castro", no que 
el mesmo e Alba Méndez achegan a súa visión sobre a obra de Rosalía. 
Esta obra abría o selo "Q de Vian Cadernos", creado para ser un punto de
 encontro da produción artística de toda a lusofonía. Coma el, moitos 
outros membros do colectivo amosan o ronsel da poesía que se deu en 
chamar dos 90. Un tipo de creación no que as inquietudes sociais e 
políticas están moi presentes. Pero doutra maneira. 
 |  
																									| Ler máis... |  |  
																				
																					
																						| 
																								
																									|   
																										Quilométrica do (des)amorAutor:       Armando Requeixo
 22/12/2011
 |  
																									| 
 [...]Ás caladas, sen se mexer moito nin armar boureo, Alberte Momán  vai consolidando unha traxectoria singular no actual panorama literario galego. Narrador (O lobo da xente , 2003) e, sobre todo, poeta (O alento da musa , 2007; Baile Àtha Cliath , 2008; Erótica , 2008; Ferrol e o que queda por chover , 2008; A crise irredutible , 2009; Por unha palabra tan só. Poema para @s máis nen@s , 2010), este ferrolán de nacenza e lugués de adopción acaba de publicar Os quilómetros que percorremos dende aquela ,
 longo poemario que se insire na colección Letra inversa da Editorial 
Toxosoutos e que constitúe un complexo tratado sociolóxico en verso.
 Os tres bloques de sentido ao redor dos 
cales xira o tecido poemático da obra preséntannos universos relacionais
 definidos pola súa problematicidade. Son, estes, mundos do amatorio 
onde a ausencia, a soidade e o silencio pairan derredor e teñen de ser 
esconxurados pola brasas de Eros. Hai, pois, un latexar de amor-odio 
viscerais que some os protagonistas nunha vivencia agónica e 
enfermizamente dependente. Agora ben, non sempre Amor é neste libro
 un deus castigador. Tamén hai relanzos para a admiración sensual, a 
correspondencia anímica, o proxecto compartido. Mesmo poden descubrirse oasis nos que o 
amatorio pasa puntualmente a segundo plano e a afirmación social ou a 
descrición do cotián gañan forza por momentos. Mais o que fai xenuína a escrita de 
Momán é esa súa estilística na que os textos grelan multiformes, a un 
tempo unitarios e diversos, compartindo idéntica retórica e selección 
léxica, equivalente metafórica, pero concretándose ora en haikus ora en 
poemas en prosa ora en poesías breves ora en longos poemas de tiradas en
 seccións. Amor e as súas caras, as erosións e 
miserias do día a día nas relacións, o inextricable da circunstancia que
 tantas veces nos circunda e determina, sobre todo iso e máis poetiza 
Alberte Momán neste seu Os quilómetros que percorremos dende aquela,
 libro de versos contundentes como mazas, rotundos nas referencias que 
se abren a inferencias pragmáticas múltiples sempre suxestivas. Unha lectura recomendable dun poeta en 
progreso. Versos para a consciencia da distancia quilométrica á que, por
 veces, nos empurra o (des)amor. |  
																									| Ler máis... |  |  |  
 
 |