En Certo coñecemos
dende hai uns meses a este escritor de Ourense porque cada semana nos
ofrece a súa visión do mundo "En perspectiva cabaleira". Neste mes de
agosto, co gallo do lanzamento da súa novela "A vila das ánimas" na
editorial Toxosoutos, aproveitamos para plantexarlle unhas cuestións e
saber, na medida en que se deixou, un pouquichiño máis del.
.- A Vila das Ánimas: é máis doado explicar o que é esta novela, ou o que non é?
.- Sen dubidalo, o que non é: un libro de ler e esquecer.
.- Canto tempo lle levou? Ou non se pode contabilizar o tempo no que asenta unha novela na cachola e logo pasa ao papel?
.- Contaxiado polo
ambiente da novela, na que non existe o tempo, non o podería precisar.
Si podo dicir que levaba varios anos gardada nunha gabeta do escritorio.
.- Fáganos un teaser do que poderemos ler en "Vila das Ánimas"...
.- Unha viaxe
sobrenatural debedora dunha influencia que vai dende a novelística
épica, até a novela iniciática, pasando pola novela de corte
introspectivo e de ideas e o simbolismo: Xan Ferreira sente unha
necesidade metafísica de visitar a aldea na que naceu; unha pequena
vila despoboada que está comezando a ser aproveitada para o turismo
rural. Os personaxes modernos “conviven” no mesmo espazo coas
personaxes que poboaron a vila tempo atrás. A frivolidade do presente
atópase a ollos do lector coa sentimentalidade do pasado. E entre estes
dous mundos vaga o personaxe principal Xan Ferreira. Por certo, nada é
o que semella parecer. É unha fuxida constante do dogma a través duns
diálogos que lembran a un libro de ensaio.
