Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Centos de veciños arrouparon a Euloxio Ruibal na presentación de


Autor:      Redacción Santiago, El Correo Gallego
22/12/2012


A profesora Charo Fernández Velho destacou que este libro “ten a Ordes en todas e cada unha das súas páxinas”.




Medio centenar de veciños e veciñas de Ordes arrouparon na noite de onte venres ao escritor Euloxio Rodríguez Ruibal no acto de presentación do seu libro “Caderno de Ordes”, un acto organizado pola Asociación Cultural Inquedanzas.  Ruibal estivo acompañado na presentación por Carlos Pérez Casas, presidente da Asociación Cultural Inquedanzas; Charo Fernández Velho, profesora de Lingua e Literatura Galega no IES Maruxa Mallo de Ordes; e por David González Couso, editor do libro e membro da Editorial Toxosoutos.


 


Carlos Pérez Casas foi o encargado de abrir o acto cunha semblanza da figura humana e da traxectoria literaria de Euloxio R. Ruibal e asegurou que este libro “non vai deixar indiferente a ningún ordense, porque recorre con mirada crítica o mundo ordense”. Un punto no que coincidiron todos os poñentes. Así, David G. Couso indicou que “Caderno de Ordes” é un “libro de Ordes e dos amigos. Cada poema vai dedicado a alguén que ten unha especial importancia para Ruibal”.


 


Pola súa banda, a profesora Charo Fernández Velho destacou que esta obra “ten a Ordes en todas e cada unha das súas páxinas”, polo que agradeceu a Euloxio R. Ruibal por “poñer o nome de Ordes na historia da literatura galega”. Cinco alumnas do IES Maruxa Mallo de Ordes puxeron a nota sorprendente da velada ao leren un dos poemas de “Caderno de Ordes” titulado “Cando as mulleres de Ordes”.


 


Primeiro libro de poesía


 


Euloxio Rodríguez Ruibal agradeceu profundamente as palabras de todos os participantes no acto pois amosaban que “algo debín de facer”, asegurou coa súa habitual modestia. Ruibal deu lectura a varios dos 50 poemas que compoñen “Caderno de Ordes” e que é “o meu primeiro libro de poesía, pois eu son máis de teatro e de ensaio, e é unha satisfacción que fora feito cara Ordes”, a súa vila natal e que “sempre estivo diante meu a nivel anímico”.


 


Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 16 de marzo 1945) é dramaturgo, guionista, narrador e ensaísta. Considera un dos renovadores do teatro galego, Rodríguez Ruibal é un dos dramaturgos máis frutíferos en lingua galega. Na actualidade é profesor asociado da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela e arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega, institución da que é membro dende marzo de 2005. 


 


Ademais de ser presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e director das galerías de arte Torque e Citánia, Euloxio Rodríguez Ruibal formou parte do grupo Ditea, prestixiosa agrupación de teatro afeccionado compostelán e unha das máis antigas en funcionamento en toda España, e fundou o grupo de teatro Obradoiro. Entre os premios que ten recibido nos últimos tempos figuran o Abrente (1973 e 1975), Álvaro Cunqueiro (1989) e Valle Inclán (2005).


 


Entre os veciños asistentes ao acto figuraban varios concelleiros do Goberno municipal como o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira; o concelleiro de Cultura, Festas e Terceira Idade, Xosé Ramón Vázquez; a primeira tenente de alcalde e concelleira de discapacidade, Silvia Marín; e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Roberto González.