- Editorial Toxosoutos.com.


:


Dende 1 até 6 de 201 elementos



12 3 4 5 6 7 8 9   ... 34 Seguinte >>


Ver noticia

Entrevista a Pedro García Vidal co gallo da presentación da súa última obra.


:      Marta Gómez/ A.Novo
14/12/2016

Barbantia adianta a súa cita mensual por mor das festas do Nadal, así que este venres a asociación cultural levará a cabo na casa de cultura noiesa unha nova presentación. Desta volta, o convidado é o historiador Pedro García Vidal, que falará do libro Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos. Dende as orixes ata 1950. O autor pasou polos micrófonos de Radio Voz Barbanza para ofrecer un pequeno adianto dunha obra que, se todo marcha como se espera, terá unha segunda parte.

-¿Cal é o punto de partida do libro que presentará o venres?

-Este libro constitúe a primeira parte da miña tese de doutoramento, que levaba por título A Paisaxe urbana e a súa evolución na ría de Muros e Noia a través dos seus principais asentamentos. Esta é a primeira parte, que abrangue desde os inicios ata 1950, e despois, se esta resulta, publicarase a segunda. Isto vén sendo o resultado final dun dilatado proceso de investigación que se iniciou coa miña tesina de licenciatura sobre a xeografía urbana de Noia e a súa área de influencia, que se publicou como libro alá polo 1988.

-Leva, xa que logo, moito tempo investigando sobre este asunto...

-Desde que fixen a tesina de licenciatura foi un tema que me interesou e púxenme como obxectivo facer unha historia urbana.

-¿Cal é o propósito deste primeiro volume?

-A miña intención é documentar os cambios na paisaxe urbana que se produciron na ría de Muros e Noia dende o seu nacemento, alá por mediados do século XII, ata o momento actual, sobre todo facendo fincapé naqueles acontecementos da evolución que tiveron unha especial transcendencia na imaxe actual das entidades urbanas, ese é o obxectivo principal. O estudo abarca o período desde a aparición de Noia e Muros como uns pequenos establecementos pesqueiros ata a aprobación dos planeamentos urbanísticos que van marcar un antes e un despois nesas vilas atlánticas.

-¿Onde está a orixe destas vilas?

-A segunda metade so século XII supón para Galicia o nacemento das cidades. Nese momento é no que se pacifica un pouco a costa e xa empezaba a non ser perigoso vivir por culpa dos viquingos e musulmáns que asolaban o litoral galego, e os reis teñen un interese especial por controlar eses territorios porque son unha fonte importante de ingresos. O que van a facer é crear unha serie de poboacións que comezan en Padrón, en 1164, logo Noia (1168), Pontevedra, e así sucesivamente, Tui, Baiona, Ribadeo, Viveiro, A Coruña, Muros... Todo iso vai crear a primeira rede urbana existente en Galicia e por tanto esas cidades van ter unha importancia fundamental na historia, e Muros e Noia serán decisivas posto que, xunto con Pontevedra, foron as localidades urbanas máis importantes ata avanzada a idade moderna.

-¿Que momentos clave da transformación de Muros e Noia recolle esta obra?

-Basicamente son dous. O nacemento da cidade medieval, cas trazas característicos que a distinguen, por exemplo o seu emprazamento, como se vai desenvolvendo a morfoloxía e o entramado urbano, como se van creando as rúas e as prazas. Un elemento fundamental desas vilas é a muralla. Ese proceso vai ser moi importante para comprender a forma e a estrutura que teñen hoxe. Posteriormente, a chegada da industrialización supón o nacemento dunha nova cidade, unha vila burguesa que responde a uns novos intereses económicos, sociais, políticos e de todo tipo e que vai transformar a cidade medieval.

-¿E a segunda parte?

-Hai que agardar a ver como funciona o primeiro libro, pero a segunda parte comprendería a transformación que van sufrir unhas vilas que ata 1950 mantivéronse basicamente nos lindes da cidade medieval, a transformación burguesa non é expansiva. Porén, a partir de 1950 unha serie de causas van transformar ese crecemento racional. Prodúcese o desarrollismo, vai empezar a emigración en masa a Europa, a xente do rural comeza a querer vivir nos espazos urbanos, e as cidades acollen unha poboación de aluvión á que hai que darlle vivenda moi rápido. Prodúcese entón a desfeita dos recintos históricos de Noia e Muros, que, afortunadamente, non foi tan intensa como en outros lugares, pero que si afectou grandemente a esas paisaxes. Ese é o período que eu trato na segunda parte, o crecemento a partir de 1950, como se fan os ensanches, unha vila completamente distinta á que ata ese momento era unha cidade con certa racionalidade. Ata que por fin xa, no momento máis actual, se empeza a falar de planificación.

 

 

[...]
      ...
Ver noticia

A retranca galega e o alén a través de sete contos de Juanjo Lamelas


:      Mónica Vázquez
11/12/2016

Juanjo Lamelas é mestre do ensino público e químico. A súa formación pedagóxica e a súa paixón pola historia da ciencia levárono á literatura, na que descubriu un mundo infinito de posibilidades. "Sete puntos negros sobre fondo vermello" é o título do seu último traballo onde leva aos lectores a mergullarse no mundo do alén e a retranca galega a través de sete contos. 

Como comezou neste mundo da escritura? 
De cativo era un lector moi aplicado. Aí cara aos vinte anos descubrín que escribir era un xeito marabilloso de proxectar a miña imaxinación e pouco a pouco foise transformando nunha necesidade vital. Comecei, xa o dixen, dende o meu interese pola historia da ciencia, escribindo primeiro para min e logo para algúns amigos. Pouco a pouco esta paixón foi gañando espazo e tempo, despregándose na miña vida en múltiples facetas: novela histórica ou alegórica, relatos, poesía, divulgación científica... Un día, alguén me convenceu de que as miñas obras non deberían morrer nun caixón e por iso van saíndo á luz pouco a pouco.

“Sete puntos negros sobre fondo vermello" é o título da súa última obra, que se atopa nela o lector?
Atopará sete contos de ánimas atormentadas, de feitizos, meigallos, apócemas e encantamentos. Sete contos de pesadelos, de maldades que se revolven contra quen as comete. Sete historias cheas de lenda e de retranca galega.

Clara raigame galega sobre a maxia do alén, ven de eí a súa inspiración?
Nos versos que aparecen na primeira páxina do libro pode verse a inspiración que me levou a escribir o libro: "Sete fiestras abertas á outra realidade, / sete relatos escuros, / sete puntos negros / sobre o fondo sanguinolento / dunha xoaniña da boa sorte. / Que sutil paradoxo!"
Así é: a xoaniña da boa fortuna ten as cores do sangue e da morte. Do mesmo xeito un mal sempre pode acubillar un ben ou ao contrario. Nas historias deste libro o mal e o ben mestúranse e confúndense coma moitas veces acontece na vida real.


Que pretende achegar con este libro ao lector?
Coido que queda moi claro na contraportada do libro, cando me dirixo directamente a él: "Tras da túa memoria, baixo da túa cama, nese espello que te observa, dentro do armario quizais, trala porta, no faiado, acubillados no soto… Onde se agochan tremendo, querido lector, os teus medos? "

É doado publicar en galego?
É difícil publicar e tamén que te lean. Neste punto teño que agradecer á Editorial Toxosoutos a súa confianza na miña obra, ao fotógrafo Juan Vila polas preciosas fotos da cuberta, aos amigos que contribuíron a mellorar o texto e a todos os lectores

Como ten sido a súa evolución como escritor dende os seus inicios?
Non me gusta poñer límites á imaxinación. A inspiración xorde sempre da curiosidade. É esa ansia por desentrañar historias, vivencias e sentimentos a que fai que no meu maxín bulan moitas ideas. A miña evolución faise no camiño de materialización das ideas que consigo plasmar no papel e non está limitada por ningún xénero literario.


É complicado atopar tempo para escribir? 
Sempre hai tempo para o que che gusta de verdade. Ben certo é que a inspiración só chega cando ela quere e tente que pillar traballando. Escribir é un oficio solitario, constante e metódico. Eu, todos os días, escribo, leo ou investigo para poder escribir.

Cales son os seus vindeiros pasos?
Teño varios traballos abertos: un libro de divulgación científica en proceso de corrección que se titula “Cuéntame un cuento cuántico”, unha novela medieval de cabaleiros e trobadores baseada nun romance que está moi avanzada e tamén unha historia que transcorrerá na civilización maia na península de Yucatán que está en fase de documentación. 

[...]
      ...

Animar a ler


:      Alfredo Conde
30/11/2016

OS xornais impresos adoitan reservar espazos que han ser ocupados polo que damos en chamar chistes, pero que ó mellor non o son tanto. En non poucas oportunidades constitúen verdadeiras editoriais que fixan ou axudan a fixar a opinión da xente respecto desta ou daquela outra cuestión ou que, noutras e según o autor que as asine, son descricións exactas e cabais dunha realidade social ou política. Recorden, por poñer un exemplo clarísimo, as viñetas que Antonio Mingote asinaba no ABC. Dicían más da realidade político-social española que centos de traballos ó respecto.
No noso ámbito contamos con xentes que son quen de reflectir nos seus cotiás traballos non só esa realidade político-social á que nos remiten, aínda hoxe, os traballos de Mingote senón a unha realidade mesmo máis fonda; a que xorde do fondo gris da Historia. O día no que escribín estas liñas puidemos ler, no xornal nos que os edita, un debuxo de Xaquín Marín que exemplifica cabalmente o que se está a firmar. Trataba dese personaxe creado polo debuxante, bautizado como Isolino, central dunha sección, sí, dunha sección, titulada O Lecer de Isolino. Nela ese Isolino que, non tendo nada que ver con el moito me recorda a Torrente Ballester, dicía o seguinte: “Desde sempre, neste recanto da península estamos abandonados. Pero o problema pode ser que nunca nos abandonaron abondo”. 
Coincidiu a tal viñeta, que di moitas máis cousas das que sinala nesa rectangular gurgulla na que Marín adoita coutar os seus textos, coa lectura dun libro de Fernando Cabeza Quiles recén editado por Toxos Outos. Titúlase o tal e recén editado libro na colección de Divulgación e ensaio, Galicia, o galego e os galegos eu de ser algún de vostedes leríao de contado. Como no o son debo dicir que xa levo lida máis da mitade do seu texto.
Entre a viñeta de Xaquín e as consideracións de Fernando existe un fío, velaíño coma néboa, que une ambos e vencella a quen se deteña na súa contemplación ou na súa lectura.
O Isolino aparece coutado por un muro que recorre o mapa do país, alá pola costa da Morte, coutándoo e amparándoo do mar e máis dun alado leviatán que xorde do abismo náutico da fin do mundo. O texto vai en negro. O texto de Cabeza Quiles loce na capa a reprodución dun óleo de Luís Seoane no que alguén terma de dous adivais que, dos seus outros extremos, suxeitan cadansúa vaca; e dicir, ese animal que sempre foi un tótem de nós e que, como sigamos así, vai deixar de selo, se non é que xa o deixou hai tempo.
Eu animo á xente a ler o libro e animaría á editorial á edición dun libro que recompilase, reproducíndoos, os mellores debuxos de Isolino. Ambos supoñen unha reflexión profunda sobre da nosa realidade máis esencial e certa agora, cando todo se está a transformar e nada pode ser o que nos quede.

[...]
      ...
Ver noticia

Fernando Cabeza Quiles acaba de publicar un volume que indaga na forma de ser dende moitos puntos de vista


:      S.G.Rial
28/11/2016

Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953) dá un paso máis na investigación sobre Galicia. Habitualmente está centrada na toponimia, pero hai vida máis aló do estudo da orixe nos domes de lugar. Vida galega, porque diso trata o seu novo libro: Galicia, os galego e os galegos, publicado por Toxosoutos, a mesma editorial coa que sacou a súa penúltima obra sobre os topónimos de orixe celta. Tamén hai toponimia, pero pouca. Abonda a socioloxía, a historia, a psicoloxía, a antropoloxía... Unha mestura de factores que permiten entender mellor o ser da terra grazas ao traballo deste licenciado en Filoloxía Hispánica e diplomado en Maxisterio, amante e practicante do ciclismo, que reside en Carballo, agora xa xubilado da docencia. Ese cambio no rexistro débese, segundo explica, a que lle gusta ser «polígrafo», tocar un poucos todos os paus. Igual que sobre as dúas rodas se lle daba ben subir e baixar,llanear ou facer fondo, na escrita, o mesmo.

A idea xurdiu pouco a pouco. Parte da base de que, na súa opinión, cada vez que había eleccións e os partidos galeguistas tiñan mal resultado, iso ía contra o país. «Os que van a unhas eleccións teñen que entender aos galegos. E os galegos non somos doados de entender. Este libro intenta, querería, axudar a ensinar como somos os galegos. E non somos doados de entender».

A seguinte pregunta é evidente: ¿Como somos? Non hai unha resposta, hai moitas. «Somos ambiguos. O galego nunca di, ou raramente, si». O interlocutor non acaba de telo claro, por exemplo se un non é un non, ou é un si. ‘¿Fasme isto?’ ‘¿E non che hei de facer?’!». Damos moitos rodeos, acurvofilia que o autor lle chama. «É máis ben unha curva psíquica, metafórica», di.

 

Máis características: non nos queremos comprometer demasiado. «Damos respostas que non nos comprometan, aínda que despois fagamos máis do que prometemos, e facemos iso para non crear falsas expectativas», sinala.

A ambigüidade vén, en boa parte, pola humillación que sufriu Galicia nunha época determinada. «Hóuboa. E a retranca é como unha defensa ante ela». Aquela «doma» na que se falaba nos tempos dos Reis Católicos, por exemplo.

«Temos moita cabeza, moita intelixencia», engade o autor. «Aínda que ás veces nos fagamos o parvo. O castelán non o fai, porque lle parece unha deshonra, pero ao galego non lle importa».

A lista é longa: «Temos unha enorme capacidade para adaptarnos a todo, mesmo ás circunstancias máis adversas», algo que tampouco se ve moito noutros sitios.

Da toponimia non fala moito, Cabeza deixouna algo de lado, pero non de todo. «Hai topónimos que amosan a nosa afección á propiedade privada, e que teñen moita relacións cos muros ou cos valados». Algunha outra mención, pero non demasiadas. O que busque iso terá que ler algúns dos moitos libros que xa ten escritos Cabeza Quiles, e os que virán, porque sempre está preparando algo.

Este ensaio de como somos pode chamar a atención en alguén que non naceu en Galicia. Leva, coma quen di, toda a vida nela, pero a metade da súa familia é castelá: de Valladolid, Guadalaxara e Madrid. E iso, para el, é unha vantaxe. «Iso ensinoume a coñecer aínda máis Galicia, polo contraste». Lembra cando, reunidos tofos os membros da familia, podía comparar, especialmente nas discusións: «O galego non reprobaba nunca. O castelán era máis visceral».

Cree que todo cambiou moito con tanta globalización, pero o substrato aguanta. Recoñece que hai unha Galicia que vivía nunha especie de prehistoria, que mantivo aos mesmos costumes durante séculos, que xa deixou de existir, «pero aínda se mantén a esencia». Moito lembra cando vivía na Estrada, hai moitos anos, e como lle gustaba moverse polas aldeas cos amigos para coñecer como era todo, aquela vida. Esas vivencias foron facendo semente para unha publicación como esta nova que ten».

[...]
      ...

Crítica de Vinte fragmentos de mocidade voraz


:      Xosé M. Eyre
26/10/2016

Voraz. Que sentido ten a mocidade se non é erguerse cada día para comer o mundo? Certo, tamén hai quen fai a mocidade equivalente de carencia de xuízo. E, se cadra é por iso mesmo, dirán os máis conservadores, o non ter unha perspectiva xusta das cousas lévaos a enfrontaren empresas que teñen máis de idealismo que de practicidade. A perspectiva xusta, xa estamos co xusto medio, co centro eterno, dirán os máis afoutos, porque que terá que ver iso con sentírense insatisfeitos nun mundo inxusto e quereren cambialo? Mais o certo é que é a mocidade a época da vida que se identifica coa vontade de procuraren meirande cotas de xustiza social. Velaí a voracidade. E porque restrinxir a voracidade unicamente á mocidade? Acaso esa voracidade non é tan necesaria en calquera outra época da vida do ser humano? Como mínimo felicitémonos porque haxa quen na madurez segue conservando esa voracidade.

                     Esa é voracidade que agardamos nada máis ler o título, mais non o seu único sentido de voraz. Porque o que atopamos é un exercicio de realismo que nada ten que ver co idealismo. Como se di na presentación editorial aquí non atoparemos compracencia, nin optimismo, nin autoaxuda. Desde a  primeira páxina, e afondando no acontecer colectivo de xeito minucioso e descarado, a obra convida a reflexionar sobre aquilo que está e preferimos ignorar. Un espello no que contemplar a nosa faciana máis censurábel. Esa que nos está a consumir vorazmente. A mocidade que atopamos aquí xoga a tenis, vota ao chou, vai de putas, é futboleira, falan galego mentres os maiores lles falan castelán, viven nunha sociedade que confunde educación con racismo, coa ilusión de montar un bisnniss, mais sen outra esperanza, sen outro folgo que lles alimente as ganas de prosperar. Un xeito de tirar da manta e deixar ao descuberto a verdadeira mocidade que vive a carón de nós, que no derradeiro dos relatos filosofa nun parladoiro onde beber é o único lóxico porque a deriva temática que nos ofrecen os protagonistas, no que é  o máis traballado relato do libro, non ten trascendencia ningunha.

                     Hai que valorar tamén o feito de rescatar a ética para o primeiro plano da actualidade, cousa que estamos pouco habituados a ler. E o mesmo feito de que o autor sexa aínda mozo ( A Coruña, 1983) ofrece unha perspectiva que afonda no realismo que preside a obra, porque, antes ca nada, Vinte frgamentos de mocidade voraz é un exercicio de  realismo en formato curto pois, agás o derradeiro, os outro dezanove son relatos curtos. En total vinte fragmentos de vida realista da mocidade de hoxe, unha mocidade carente de valores mais duns valores que os adultos non lles souberon ou quixeron transmitir. Sería moi doado cebarse nesa carencia de valores mais o certo é que viven nunha sociedade que nin llelos demanda nin se preocupou de que lles foran transmitidos. Vinte fragmentos da mocidade que temos, vinte panorámicas sobre ela, poden parecer poucas e en realidade son o que son, máis ca se ninguén se ocupase de analizar a mocidade que temos hoxe en día e se preocupase, despois, de darlle forma literaria, de darlle forma literaria fragmentaria ao que, de ningunha maneira, posúe carácter totalizador. Así que é misión do lector avaliar ata que punto esa mocidade fragmentaria que se nos transmite é quen de dar unha imaxe certerira da mocidade que temos, da mocidade que vive a carón de nós.

                     Tito Pérez Pérez, autor novo e xa édito, polo cal expresamos aquí a nosa ledicia, déixanos nestesVinte fragmentos de mocidade voraz un realista aviso da mocidade dos nosos días. Agora cómpre a debida reflexión por parte de todos. Por parte da mocidade: a onde vai por este camiño? Por parte dos adultos: que erros cometemos para que  a mocidade nos saíra así? Porque de pouco serve un libro se non se reflexiona a redor del. Sen o ronsel reflexivo a que dea lugar fica como unha flor murcha no medio dunha primavera, agardando que se pense cales foron as causas da súa morte, por se hai lugar a  arrepentimento e e/ou expiación propicios para que tal cousa non volva a suceder. Polo ben da mocidade e polo noso ben.

Na parte negativa, o pouco coidado no uso do pronome persoal átono, con casos de lleísmo e de cheísmo.

[...]
      ...
Ver noticia

Entrevista a Tito Pérez, autor de Vinte fragmentos de mocidade voraz


:      El Ideal Gallego
27/09/2016

Escolleu a especialidade de enxeñería técnica industrial, pero, en realidade, na súa cabeza barruntaba que non tiña máis vocación ca literaria nun mundo no que empezou a verter relatos desde hai tempo.

Escolleu a especialidade de enxeñería técnica industrial, pero, en realidade, na súa cabeza barruntaba que non tiña máis vocación ca literaria nun mundo no que empezou a verter relatos desde hai tempo, contos que foron laureados pola crítica e que foi xuntando e presentando aquí e acolá. En 2010 decidiu reunir distintas pezas. Unilas por un mesmo fío conductor, a mocidade, que hoxe vén de presentar. O coruñés Tito Pérez estivo a semana pasada na librería Sisargas con “Vinte fragmentos de mocidade voraz”, o primeiro volume de moitos e moitas porque a intención é darlle forma a unha novela. Vestir o seu talento de largo. Desta primeira entrega, o autor fala de que “son historias reais cun trasfondo social”. Non se trata de remover a crise económica actual. Pérez vai ata os valores que tamén están en horas baixas. Destila o ético e o moral e en vez de mirar para o outro lado como adoita a facer a sociedade, coloca o que está debaixo da alfombra en primeiro plano: “É un libro sobre as eivas que pode ter a mocidade”. Criado en Monte Alto, Tito saca anécdotas que escoitou na Coruña e en Santa Marta de Picato (Guntín). Algúns tamén teñen tintes autobiográficos, comenta, e outros respiran de cousas “que nos poden parecer normais, pero que non terían que pasar”. Ventila situacións concretas como a “dun rapaz que vai de putas, todo o mundo sabe que isto sucede e hai de quen pensa que ata é gracioso”. Tamén toca o tema do deporte, quizais porque na súa casa, o seu pai foi un profesional da pértega, “dun rapaz que en vez de entrenar, vaise de festa”. E dos oito que sumou entre 2010 e 2011, chegou aos 20 en 2015. Cumprirá 33 anos o domingo, pero ten toda a vida por diante para sacarlle punta ás letras. Aválanlle premios como o noveno certame de narrativa Rosa Reboredo e o décimo de relatos cortos da Sociedade Liceo de Noia. Ademais, conseguiu mencións nos concursos Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, Terras de Chamoso, Xuventude Crea, Rosa de Cen Follas e Manuel María de Poesía. Tamén ten publicado en varios números da revista “Ateneo do Ateneo Ferrolán” e participado en obras colectivas como “Versus cinauro, poemas contra a mina de ouro de Crocoesto”. “Vinte fragmentos de mocidade voraz” non é un manual de autoaxuda. Tampouco reparte optimismo. Desde a primeira páxina, apunta, un vai meténdose de xeito minucioso na forma de facer con 20 puntos finais, que levan á reflexión sobre o que se prefire esquecer e que “nos torna mediocres”.

[...]
      ...
12 3 4 5 6 7 8 9   ... 34 Seguinte >>