- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Os primos pobres


:      Armando Requeixo
02/10/2012


Se hai un escritor desmedido, excesivo e trascabalado ese éHonoré de Balzac. O seu empeño por novelar toda a historia social do seu tempo nunha batería de libros non só é unha quimera desproporcionada, senón o máis claro síntoma dunha xenialidade lindeira co absurdo.

Se ben se mira, o maior e mellor protagonista da comedia humana de Balzac é el mesmo, un neno infeliz, sometido a todo tipo de presións maternas, aguilloado polo pai para que estudase Leis e exercese como letrado e, ao final, un adulto errático, desbaldidor sen taxa nin medida, namoradeiro empedernido que imbaba café por litros e era quen de escribir coa facilidade que só un poseso tocado pola variña da deusa Fortuna é quen.

A súa vida como escritor é tamén a máis intensa e disparatada novela que lle debemos: os seus inicios como escribidor de prosas e pezas de teatro infumables, como negro infatigable ou articulista de todo canto asunto for tratable, deron paso aos poucos a un autor que foi gañando cos anos oficio e sabedoría ao tempo que se volvía un individuo a cada volta máis maniático e imprevisible.

E, secasí, esa súa volubilidade non nos privou de monumentos como, poño por caso,Eugénie Grandet ou La peau de chagrin. Felizmente, algúns destes seus máis memorables títulos poden lerse xa en galego. Así acontece coa magnífica Le père Goriot (O tío Goriot na versión de Antonio Pichel para Galaxia), a amentada Eugénie Grandet (trasladada por Emma Lázare Rodríguez para Biblos Clube de Lectores) e a indispensable La cousin Bette(isto é, A curmá Bette, traducida para Toxosoutos por Ana María Galego Gen).Pois ben, esta última tradutora é tamén a responsable de que as hipocrisías, cinismos e desigualdades sociais descritos en Le cousin Pons (1847) nos sirvan de exemplo para non imitar ás lectoras e lectores galeg@s, que poden xa achegarse a tan portentoso retablo de miserias e falsidades editado como O curmán Pons e tirado do prelo de Toxosoutos. E digo que esta novela —case que espello invertido desoutra narración de primos pobres que é A curmá Bette— ha ser de proveitosa lectura para @s que a ela se acheguen porque, malia o que puidese pensarse, ben pouco ten mudado a iniquidade humana nestes últimos cento cincuenta anos. E se o coitado de Pons era quen de humillarse ata extremos inconcibibles por ser convidado a xantar polos seus parentes ricos (os Camusot de Marville) que o desprezaban, se a súa inxenuidade natural lle impedía decatarse da intereseira relación que estes parentes chegaran a manter con el para traizoalo e roubarlle unha moi gorentosa colección de antigüidades que este gardaba por amor á Arte e ignorante do seu valor monetario, se todo iso relataba con abraiante detalle Balzac para aquela aparente sociedade do XIX, seguramente non ha ser preciso esforzarse moito para lle atopar acaídos paralelos nos nosos días.  a versión que Galego Gen ofrece coido recolle o esencial do relato orixinal do feuilleton de Balzac, unha longa historia de máis de tres centos de páxinas que nesta edición figura antecedida dun interesante limiar da tradutora, no que se pasa revista aos principais episodios bio-bibliográficos do escritor francés e se ofrece unha breve pero suxestiva análise do texto traducido.

Balzac, o irrefreable, compulsivo e maxistral comediólogo do teatro mundo, opinaba que un libro fermoso é unha vitoria gañada en todos os campos de batalla do pensamento humano. Non lle levarei eu a contraria. Léano. E non se escusen por non telo á man, que diso se encargaron, con ben, Ana María Galego Gen e Toxosoutos.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 30-9-2012]






<<       > <