- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

O amor que eu levei de Santiago


:      Ramón Nicolás
15/06/2012


Entendo como un acerto e saúdo a aparición deste «O amor que eu levei de Santiago«, subtitulado «Roteiro da lírica medieval galego-portuguesa, área de Santiago de Compostela» e que chega da man de tres salientables especialistas na materia da lírica galego-portuguesa como son Yara FrateschiM. Isabel Morán e mais José António Souto Cabo, incorporando neste ensaio información novidosa produto das investigacións particulares de cada un deses autores.

    Este traballo, como xustamente recoñecen os seus responsables, tanto nun paratexto inicial da publicación como no seu limiar, vén materializar unha vella angueira ou suxestión de Xosé Filgueira Valverde consistente na devecida realización dun roteiro trobadoresco que reflectise as referencias e os versos que repararon na cidade de Compostela. E, en efecto, velaquí como se sistematizan para un lectorado que non ten que ser especialista, e expostos dun xeito claro e útil, os ecos que o ambiente trobadoresco deixou na cidade ao longo dos séculos XII ao XIV, presentando trobadores que fan algún tipo de mención á Santiago na súa obra e outros que se vinculan coa cidade pola documentación histórico-biográfica coñecida, malia que non fagan referencia a aquela dun xeito directo nas súas cantigas.  Uns e outros ordénanse alfabeticamente cunha ficha informativa de extraordinaria utilidade e mais coas cantigas seleccionadas, transcritas nunha edición rigorosa e acompañadas dun corpus fotográfico moi interesante. Cómpre estender os parabéns a quen ideou o proxecto e a quen lle deu forma. Dá xenio asomarse, outra vez, a este tesouro literario de noso, da man de Airas Núnez, Pero da Ponte, Pai Gómez Charinho, Pero Meogo, Bernal de Bonaval  ou Fernando Esquío entre outros, e facelo co pano de fondo da cidade de Compostela ao fío deste novidoso e tan redondo proxecto.









<<       > <