A investigación histórica adquiriu onte o 
protagonismo que merece durante o acto de entrega dos décimos premios de
 Historia Medieval de Galicia que convoca a editorial Toxosoutos. Na 
casa consistorial carnotana, os galardoados deste ano, Marcos Fernández,
 pola súa obra Servos e escravos altomedievais no noroeste da península Ibérica, e Andreia Catarina Magalhaes, polo traballo titulado Elementos de adorno altimediévicos em Portugal, aludiron á importancia dunha iniciativa que fai posible que os investigadores vexan publicadas as súas obras.
    Neste sentido, Marcos Fernández, que recibiu o 
primeiro premio, manifestou que, no eido histórico, escasas son as 
ocasións nas que se pode ver editado o traballo.
    Bo entendemento 
    Por la súa banda, Andreia Catarina Magalhaes referiuse o entendemento das comunidades galaica e portuguesa.
    Coa tenente de alcalde carnotana, Marisol Piñeiro, 
como anfitrioa, e coa presenza dos rexedores de Muros, Domingos Dosil; 
Lousame, Santiago Freire; e Outes, Carlos López Crespo, o acto 
desenrolado en Carnota supuxo o remate do primeiro ciclo deste certame, 
segundo manifestou o coordinador de Toxosoutos, David González.
    O representante da editorial agradeceu a 
colaboración dos concellos e manifestou que sen o seu esforzo sería 
imposible a organización do premio.
    Tamén aproveitou González para avanzar aspectos 
relativos á vindeira edición, na que a vila de Noia será o lugar no que 
se efectúe o fallo.
    Pola súa banda, a tenente de alcalde, Marisol 
Piñeiro, indicou que o esforzo, a colaboración e o diálogo entre os 
dirixentes da comarca fai posible a recuperación e a posta en valor do 
patrimonio local. Neste sentido, referiuse á importancia que isto ten no
 eido cultural e no da potenciación turística.
    Calidade das obras 
    En representación do xurado tomou a palabra Pedro 
García Vidal, que non dubidou en enxalzar a calidade das obras que 
concorreron ao certame. Neste sentido, precisou que cada ano se constata
 un maior nivel histórico e literario dos traballos que se presentan e, 
ao mesmo tempo, increméntase o número de autores participantes.
    Pedro García Vidal definiu o certame como unha 
inversión grande en cultura. Tamén dixo que se trata dunha iniciativa 
novedosa a nivel do Estado porque se trata do único certame no que se 
valoran os estudos da historia medieval.
    Tampouco deixou pasar a oportunidade de destacar o 
mérito dos concellos en poñerse de acordo para facer unha inversión 
cultural deste calado. Sobre isto engadiu que este aspecto redundará de 
xeito moi positivo en diferentes eidos.