O público lector sabe da figura esencial de Carmen 
Martín Gaite dentro da literatura española. A obtención, entre outros, 
dos Premios Gijón, Nadal, Anagrama e Príncipe de Asturias das Letras, 
reforzaron pouco e poco a imaxe da autora de Entre visillos e Fragmentos de interior.
 A salmantina pertence a unha saga familiar de fondas raizames 
históricas e culturais que, en parte, coinciden co desenvolvemento da 
historia galega e que o escritor David González Couso vén de desenvolver
 no seu "O fío da escritura. A pegada cultural dos Gaite en Galicia" en 
edición de Toxosoutos e que inclúe un "fiadeiro prologal" de Claudio 
Rodríguez Fer. Non é esta a primeira vez que David González intervén nos
 vencellos persoais, históricos e culturais da familia Gaite, pois xa 
naquel "Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite" comezara "a tirar 
do fiado galego da liñaxe materna da autora, conformada polos Gaite...".
 Foi así como David González uniu os elos humanos e culturais dos Gaite 
co noso país ("membros ilustres que compoñen a súa ascendencia por liña 
materna, oriúndos de Galicia") nun libro que nos leva pola historia de 
persoas que deixaron unha fonda resonancia no noso territorio. A 
realidade humana (constante na súa novelística e ensaio) vén mesturada 
cos espazos recollidos das vivencias infantís en San Lorenzo de Piñor e 
que se plasman "na paisaxe deste lugar, ao que acudía quen sería unha 
recoñecida novelista, cada verán coa súa familia durante os anos de 
infancia e primeira xuventude, presente dalgún xeito en boa parte da súa
 obra". É que, todos os trazos representativos do que é Galicia, agroman
 de xeito constante mesturándose co misterioso, co lendario coa 
ambigüidade entre o vivido e o soñado.
   O volume de David González inclúe tres interesantes facsímiles de obras de diferentes persoas desta saga, como o Método contra o cólera-morbo epidémico de Joaquín Gaite e publicado no ano 1854, as Consideracións sobre a defensa dos montes públicos en Galicia (Pontevedra, 1885) e os Elementos de xeografía astronómica e física (Ourense, 1894) escrito por  Javier Gaite..