O Paraninfo do Instituto de Educación Secundaria  
Otero Pedrayo de Ourense acolleu o venres, día 18 de marzo, o acto de  
presentación do libro O fío da escritura, editado por  
Toxosoutos e do que é autor o filólogo ourensán David González Couso. No
  transcurso do acto levouse a cabo tamén a clausura dos I Encontros da Serie Esmorga, unhas
  citas literarias promovidas por Toxosoutos que se desenvolveron en  
diferentes lugares de Galicia co obxectivo do lanzamento dunha nova  
colección da editorial, a Serie Esmorga.
  
     O fío da escritura é
 un traballo de  investigación que amosa o labor cultural dos Gaite na 
Galicia do século  XIX e comezos do século XX. O seu autor, David 
González Couso, explicou  que este é xa o cuarto libro que escribe sobre
 esta temática, ademais  doutros sete artigos en revistas de literatura e
 subliñou que o  obxectivo da publicación é dobre. “Por unha banda quero
 pechar o meu  ciclo de investigacións sobre a familia Gaite e, pola 
outra, quero por  de manifesto a importancia das súas contribucións ao 
Ourense dos séculos  XIX e XX”. O libro inclúe as pescudas sobre 
personaxes como os irmáns  Antonio e Joaquín Gaite Núñez -bisavó da 
autora-, vencellados ao ensino  ou ao xornalismo e facsímiles escritos 
por estas figuras, moitos deles  inéditos.
  
     As vivencias de Carmen Martín Gaite en Ourense
  
     O
 poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, autor  do limiar da obra, falou
 no acto para facer un percorrido polos grandes  escritores ourensáns ou
 vinculados a Ourense e para situar neste  contexto a Carmen Martín 
Gaite. Segundo as súas palabras, “o libro de  David permítenos tirar da 
ourensanía para situar nela a Carmen Martín  Gaite, partindo da base de 
que as vivencias infantís e xuvenís da  narradora en Ourense tiveron 
moita importancia na elaboración de toda a  súa obra”.
  
     No
 acto interviron tamén Luís Fernández, director  do IES Otero Pedrayo, a
 onde pertence o arquivo no que David González  fixo boa parte das súas 
pescudas para escribir o libro e a filóloga  María do Carmo Henríquez, 
que subliñou o traballo do escritor. “David  ven de realizar un labor 
meritorio e máis nunha sociedade onde trunfa a  mediocridade e onde está
 de moda o vulgar. Dignificar a literatura, os  escritores e a lingua é 
un traballo que hai que facer con seriedade e  rigor”, declarou.
  
     Clausura dos I Encontros da Serie Esmorga
  
     O acto de presentación do libro O fío da escritura serviu tamén para clausurar os I Encontros da Serie Esmorga, unha
  iniciativa literaria promovida pola editorial Toxosoutos –da que David
  González é director de publicacións- co gallo da posta en marcha da 
súa  nova colección: Serie Esmorga. A iniciativa ten por obxectivo a divulgación de grandes obras clásicas en edición bilingüe e de traballos da literatura galega.
  
     O
 Consello Asesor desta nova colección  está formado polos escritores 
Ramón Caride Ogando, Xerardo Méndez,  Francisco X. Fernández Naval e 
Jorge Emilio Bóveda, que subliñaron no  acto de clausura dos encontros a
 importancia desta nova colección e a  súa implicación no seu 
desenvolvemento. Nesta liña, Fernández Naval dixo  sentirse “moi 
orgulloso desta colección como ourensán”; Xerardo Méndez  subliñou o 
poder da literatura como “ese espello no que nos temos que  mirar para 
non asustarnos da realidade” e Jorge Emilio Bóveda puxo de  manifesto o 
papel que cumpre a nova serie no tocante á normalización da  lingua 
galega.