O título fala por si só: A crise económica e a descentralización rexional.
 ¿Unha análise dun dos actuais gurús da negra coxuntura que nos afoga? 
Non: o autor foi Alfredo Brañas, que configura un retrato da Galicia de 
1892 que perfectamente se podería exportar ó século XXI, e que foi 
recuperado pola editorial Toxosoutos grazas ó empeño do catedrático de 
Economía e presidente da Fundación Galiza Sempre Xosé Manuel Beiras.  
O
 tamén líder do Encontro Irmandiño prologa este libro traducido por 
Afonso Ribas, presentado onte na libraría Couceiro compostelá, e 
descóbrenos un intelectual inédito "criptonacionalista" e soberanista, 
que se atreve a reclamar as competencias totais para a rexión galega na 
lección inaugural do curso universitario 1892-93 na actual Facultade de 
Xeografía e Historial, nunha Compostela "finisecular, chea de curas e 
beatas", segundo indica Beiras, que vai máis aló e afirma: "era máis 
difícil que Brañas se manifestase explicitamente como nacionalista que 
eu quitase un zapato no Parlamento. A censura era brutal". 
Neste 
discurso, extensísimo e que de seguro non foi lido na súa totalidade 
diante da súa audiencia e que se recupera nesta publicación, Brañas xoga
 a debullar un auténtico programa político no que propón "dous poderes 
separados e distintos, e deles, que o rexional sexa o único soberano 
para ditar as súas leis orgánicas e administrativas". 
O 
intelectual compostelán, ademais, insiste no seu discurso na toma de 
conciencia de Galicia como rexión "cunha percepción da súa personalide 
xurídica, completamente allea ás outras", polo que para Beiras, esta é 
unha clara mostra de que "está falando do espírito do pobo, tomando 
conciencia da súa identidade diferenciadora, e hoxe isto pode estar 
suscrito tanto por nacionalistas kurdos,como irlandeses, escoceses e 
imaxino que o BNG tamén o suscribirá", ironizou, afirmando que esta 
definición "é máis completa da rexión como suxeito activo que a de 
Castelao en Sempre en Galiza".   
Despois de analizar 
polo miúdo a faceta máis descoñecida de Alfredo Brañas, que fica fóra 
dos principais estudos sobre a súa persoa, como o realizado por Ramón 
Maiz, o presidente da Fundación Galiza Sempre recupera a análise de 
crise de finais do século XIX, "cunha vixencia actual absolutamente 
asombrosa", froito da loita pola hexemonía económica mundial que lle dá 
paso á consolidación de Estados Unidos, e hoxe asistimos, precisamente, á
 decadencia do imperalismo ianqui. 
  Brañas, ademais, analiza os 
principais problemas dunha creba con altibaixos que desembocou na I 
Guerra Mundial, como a financialización, a fuxida do capital produtivo 
ós mercados financeiros e, en troques, a hexemonía do capital. "Isto se 
podería extrapolar perfectamente a José Luis Méndez -o que fóra o 
mandamás de Caixa Galicia-,  ou ós produtores lácteos, que querían facer
 de Clesa o gran grupo lácteo galego e os bancos lles dixeron "tururú", 
ironizou Beiras, que lles mandou unha mensaxe ós políticos: "deberiamos 
aprender da historia, que aporta moitas solucións ós problemas actuais, 
pero o problema é que non len".  
A historia dun discurso perdido e vixente  
A crise económica na época presente e a descentralización rexional
 é  unha reedición da obra de Alfredo Brañas pero, realmente, "é unha 
novidade absoluta  porque é a súa primeira edición despois de case 120 
anos", revela Xosé Manuel Beiras, empeñado en lograr que vise a luz a 
través de Toxosoutos na colección económica Ponto Básico pola súa 
absoluta vixencia na actualidade. 
O seu tradutor, Afonso Ribas, impulsor da revista económica Unipro,
 desvelou que o proxecto naceu hai tres anos, cando inicialmente a obra 
se ía publicar como anexo da revista, pero finalmente culminou nunha 
reedición. O único ó que tiveron acceso pertencía á Fundación  Penzol, 
bastante reacia a prestalo polo seu mal estado, pero finalmente 
fotocopiouse. Na obra descúbrese a un Brañas "do Renacemento" que foxe 
do estigma que lle ten a esquerda, quizais porque o PP creou unha 
fundación co seu nome.