Santiago. "O meu libro A grafía dos mapas é a 
Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da 
Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos 
debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume 
que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de 
cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas,
 o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e 
ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da 
autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o
 futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a 
autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade". Editado por 
Toxosoutos, o libro preséntase 
hoxe ás 20 horas na Libraría 
Pedreira de Compostela, nun acto no que a poeta de Fisteus estará 
acompañada polo editor, David G. Couso, a bailarina Branca Novoneyra e 
os músicos Xabier Díaz e Guille Fernández que interpretarán temtas de de
 Arrolos de salitre. 
"Recordo empezar a escribirme con Emilio Araúxo cando morreu Uxío Novoneyra" -lembra Lupe Gómez- que fora cando escribira Poesía fea
 e el mo editara en Noitarenga. Araúxo mandábame fotos para facer poemas
 que publicar nos caderniños da súa editorial, Amastra-n-gallar. O ano 
pasado Toxosoutos interesouse no proxecto e así naceu este libro", 
marcado polo Entroido como símbolo da alegría pero tamén da crítica; un 
libro dual, que busca "as contradicións, os paradoxos que existen na 
vida". 
Leitora "máis periódicos que de libros", a autora quere "que as preocupacións da sociedade entren no que escribo" e por iso A grafía dos mapas reflicte a crítica social desde unha ollada na que a nenez e a infancia están moi vivas. 
No poema Xardín de Infancia,
 Lupe deita tamén críticas á educación dos nenos. "Si, son os nenos pero
 tamén Galicia, que está no cárcere. Os nenos están encarcerados porque 
non poden xogar na rúa, non poden expresarse nin falar, só lles 
ofrecemos as novas tecnoloxías e a televisión. É coma se lles pechasemos
 os ollos e non poden ver nin falar. Son nenos que están obrigados a ser
 produtivos como estamos obrigados os adultos tamén, a facer cousas. 
Pero en realidade non estamos vivindo senón pechando a vida", afirma a 
poeta quen reivindica a "nada, ese silencio, esa calma. É importante 
buscar a paz a través da literatura".