Entre as novas promocións de filólogos, David González Couso salienta 
pola súa dedicación e entrega á causa literaria tanto galega coma 
castelá. Os seus traballos sobre lírica galego-portuguesa medieval e 
poesía castelá do século XVI testemuñan o que afirmo.
Ora ben, se hai un eido investigador no 
que se ten significado este estudoso ourensán ese é o da análise da 
biobibliografía da escritora Carmen Martín Gaite, sobre a que ten 
publicado abondosos textos, entre os que merecen subliñarse monografías 
como Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite (2008) e os manuais Una propuesta de lectura para «Caperucita en Manhattan» (2008) e Guía de lectura «Caperucita en Manhattan» (2010).
Pois ben, continuando con esta liña de investigación González Couso dá agora á luz O fío da escritura,
 descritivamente subtitulado “A pegada cultural dos Gaite en Galicia”, 
volume que conta cun documentado e moi informativo limiar do poeta e 
profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, tamén el estudoso da literatura 
de noso e recoñecido hispanista.
O fío da escrita leva a cabo un
 exhaustivo repaso ás orixes galegas de Carmen Martín Gaite, a familia 
materna da cal era de ascendencia ourensá. De feito, a célebre escritora
 española veraneou dende cativa en San Lourenzo de Piñor e, cando de 
maior emparellou co tamén famoso Rafael Sánchez Ferlosio, ambos pasaron 
vacacións na casa familiar que nesta parroquia posuían os Gaite.
Grazas ás laboriosas investigacións de 
González Couso hoxe sabemos que o bisavó da escritora, Joaquín Gaite 
Núñez, foi un importante docente ourensán (era catedrático de Xeografía 
no instituto daquela cidade) e mesmo chegou a fundar unha histórica 
cabeceira do xornalismo galego como foi El Orensano e participar, como xurado, no Certame Poético de 1877 no que fora premiado un aínda mozo Manuel Curros Enríquez.
O libro de González Couso fai tamén un 
repaso dos contributos do irmán de Joaquín, Antonio Gaite Núñez, 
igualmente destacado educador ourensán e director eventual do periódico 
que fundara seu irmán.
Do mesmo xeito, o fillo de Joaquín, Francisco Javier Gaite Lloves, avó da autora de Retahílas,
 foi tamén un acreditado docente e, así mesmo, un notable ensaísta sobre
 os máis variados temas, do que dá cumprida conta González Couso nas 
súas precisas páxinas introdutorias.
Aínda que neste O fío da escritura
 se tratan tamén outras figuras familiares de relevo (velaí o Padre 
Gaite, José Gaite Sancho, apreciado orador sacro e coñecido publicista 
de homilías, ou o tío avó da autora, Antonio Gaite Lloves, profesor de 
ciencias e un dos fundadores e primeiro director do Ateneo de Ourense, 
mesmo Ramón Méndez Gaite, sacerdote, ensaísta, conferenciante e 
historiador que tamén publicou artigos sobre Santiago ou Vigo en medios 
galeguistas de alén mar como a revista Galicia ou o semanario Tierra Gallega),
 ofrece un interese indubidable o capítulo que González Couso dedica a 
“O imaxinario galego na literatura de Carmen Martín Gaite”, onde 
percorre as pegadas que Galicia e os galegos deixaron en títulos da 
autora como Las ataduras, Retahílas, El Pastel del diablo ou La Reina de las Nieves.
O volume remata coa reprodución de tres 
curiosos facsímiles debidos a Joaquín e Antonio Gaite Núñez e mais ao 
fillo do primeiro, Francisco Javier Gaite Lloves.
O fío da escritura é, con 
certeza, un valioso traballo de investigación xenocrítico e biográfico 
que fotografa con meticuloso detalle o labor cultural dos Gaite na 
Galicia do XIX e primeiros anos do pasado século, á vez que un suxestivo
 percorrido polas raiceiras galegas de páxinas e pasaxes narrativas de 
Carmen Martín Gaite, unha das máis importantes escritoras españolas dos 
tempos recentes, que ten en David González Couso un analista de 
excepción.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-2-2010]