O escritor lugués Claudio Rodríguez Fer -autor de máis de medio cento de obras- deuse a coñecer como poeta erótico en 1979 con Poemas de amor sen morte,
  engadíndose así á nómina de creadores que renovaron a poesía galega 
dos  oitenta. Unha dimensión, unida á de liberdade, xustiza e paz, que 
se  conxugan no seu novo poemario, Unha tempada no paraíso, que
  tira do prelo Toxosoutos na súa colección Esmorga. Rodríguez Fer,  
director da Cátedra Valente e profesor na USC, presenta hoxe ás 19:30  
horas na Fundación Eugenio Granell de Compostela a súa obra, acompañado 
 pola poeta Olga Novo, que prologa a obra e de David González, director 
 de publicacións de Toxosoutos. "Unha reivindicación da paz, da  
felicidade e do amor sen límites", así define o poeta este libro,  
dividido en seis partes, dende Soamente a apoteose até A bomba rosa,
  unha viaxe á busca dun paraíso antibíblico na que a utopía de cambiar o
  mundo e reinventar a vida se resume na rosa bigbánica, o sexo da 
muller  como acceso ao coñecemento.  
Unha tempada no paraíso
  contén estratos múltiples, ecos intertextuais que conforman o mapa 
dunha  obra total, cohesionada no seu polifónico clamor de rotundo 
vitalismo e  compromiso ético.  
Por iso Eros sen Tánatos
 non se  concibe sen amor pola memoria e polo restablecemento da 
dignidade ás  vítimas da barbarie, e neste senso o libro conecta, como 
veremos, coas  proclamas de poesía pola memoria antifascista contidas en
 A loita continúa (2004) e Ámote vermella (2009).  
O lugar do amor é sempre o lugar da paz. Así nace a poética do paraíso que nos libera do tráxico fatum occidental
  que entrega sen remedio as nosas paixóns á morte alzando negras velas 
 ou velenos entre os amantes. E mentres a propia lectura do libro se  
revela como tempada no paraíso do goce da beleza escrita, o poeta ofrece
  unha serie de "retallos de vida compartida en harmonía profunda", isto
  é, a experiencia concreta e material dun paraíso de persoas. 
Neste
  poemario, como indica Olga Novo na introdución, están presentes os 
tres  piares da súa poética: a utopía, o erotismo e o coñecemento. Que 
supón   Unha tempada no paraíso dentro  da súa traxectoria literaria? 
Despois da triloxía da memoria composta por Lugo blues, sobre a historia da miña cidade natal; A loita continúa, sobre a historia de Galicia, e Ámote vermella, sobre a represión das mulleres progresistas, Unha tempada no paraíso supón unha reivindicación da paz, da felicidade e mais do amor sen límites. 
 Cal é ese paraíso poético e vital ao que fai referencia no libro? 
A
  utopía libertaria, que é posible na vida e na terra, porque os 
paraísos  poden vivirse e son posibles malia todo. Po iso tomo como 
motivos o  amor, o erotismo, a viaxe, o lugar e a arte, materializada 
nas  ilustracións de Sara Lamas. 
Ese
 paraíso cífrase en termos  de feminismo, vitalismo, compromiso ético, 
liberdade... conceptos  contrapostos ao paraíso bíblico ou á eternidade 
relixiosa. A poesía é  unha forma de buscar unha utopía que arrede os 
complexos de  culpabilidade inseridos na nosa mentalidade durante 
séculos de relixión?   
Por suposto: existe o paraíso, pero está na Terra, aínda que ás veces nos queiran impoñer o inferno. 
 Na
  propia estrutura do libro, que empeza con "Soamente a apoteose" e  
remata co Big Bang da Bomba rosa, ponse de relevancia a busca dun  
paradigma cosmolóxico invertido. A fin do mundo é o comezo? 
Dende logo, porque o mundo, como o amor e a poesía, non ten fin, e cada momento é un principio. 
 Tamén
  hai unha concepción do amor aberto, como un lugar de paz, de pracer. 
De  feito, o libro comeza cunha dedicatoria ás unións libres. ¿Ao amor  
absoluto só se chega coa liberación do colectivo? 
En efecto, porque non hai amor, senón probas de amores. 
 Os
  poemas tamén mostran a pegada do celtismo, as referencias a Delfos ou 
 Creta como lugares habitados polas belas cariátides, é unha proclama á 
 independencia radical das mulleres? 
O celtismo é unha constante na miña obra dende o primeiro libro ao próximo, que se titulará Meus amores celtas, e a independencia da muller é para min outra constante, pois a liberdade non existe senón é compartida por todos e por todas. 
 Hai un poema dedicado a Lolá Doreste e Ángel Johan e outro a J. A. Valente, unha despedida. Que significan estes poemas? 
O
  primeiro trata da afirmación do paraíso a través do amor aínda no  
inferno do fascismo e o dedicado a Valente lembra como se enfrontou coa 
 morte o poeta ourensán, que, no momento en que se despediu de Carmen  
Blanco e de min a última vez que o vimos, nos dixo antes de que  
partiramos: "Xa teño nostalxia de vós". 
 Cal é o significado de Macumba? 
O
  feitizo do abrazo á diferenza corporeizada na estranxeiría, porque 
quen  é de fóra nos permite a nós ser nós mesmos, ao facer de nós tamén 
 persoas estranxeiras, porque debemos asumir que en realidade todos 
somos  estranxeiros, aínda que ás veces esteamos de permiso ou teñamos 
papeis.  
 O Big Bang da Bomba rosa
 fai  referencia ao sexo da muller como principio metafísico, como 
acceso ao  amor incondicional e ao coñecemento. A muller é orixe e 
destino sempre  nos seus poemarios, a que se debe? 
Por
 amor concreto e  pola situación potencialmente liberadora da que é 
portadora nunha  sociedade patriarcal como a nosa. Polo demais, todos os
 meus poemas  foron sempre poemas de amor, mesmo os que tratan de 
xenocidas ou  tiranos, porque neste caso son poemas de amor ás súas 
vítimas. Non sei  facer poemas de odio nin me gustaría que houbese odio 
non meus poemas  porque creo que neste mundo xa hai odio dabondo fronte á
 escaseza de  amor.