As sete e media preséntase na Facultade de Filosofía, en Mazarelos, o libro Historia da Filosofía para a selectividade , un manual do que é autor Benito Arbaizar Gil, profesor de Filosofía no instituto Eusebio da Guarda da Coruña e na UNED.
    -¿É un temario só para a proba de selectividade?
    -O ano pasado aplicouse un novo deseño da proba de 
Filosofía, e os libros de texto non poden recoller as modificacións, así
 que me vin na obriga de artellar materiais de apoio para axudarlles aos
 alumnos. O libro é froito dos axustes que fixen da materia de segundo 
de bacharelato aos cambios específicos da proba en Galicia.
    -E decidiu publicalos.
    -Iso veu despois de comprobar o desconcerto entre 
os compañeiros, que expresaban a mesma preocupación por preguntas para 
as que non tiñan resposta. E porque a desorientación dos alumnos diante 
dunha proba moi estruturada era grande.
    -¿A Filosofía non mantén un temario reducido para a selectividade?
    -A historia da Filosofía ten dous mil anos, é 
imposible de abarcar, polo que sempre se acurtou. Os cambios na 
selectividade están moi ben, pero non estabamos adaptados.
    -¿Traballan para preparar a proba, non para o coñecemento, non si?
    -Non é fácil solucionar iso. En segundo de 
bacharelato non traballas como noutros cursos, porque a realidade da 
proba imponse, e non podes frustrar o proxecto de futuro dos rapaces.