Por volta da primavera do 2009 recibín un convite de 
Gonzalo Vázquez
 para facer parte dunha escolma de textos que tivesen a cidade como 
obxecto poético. Na miña obra teño demasiados poemas que teñen como 
espazo alguna cidade nosa ou europea, así que optei por xuntar un feixe 
deles e fíxenllos chegar ao antólogo para que fixese a escolla precisa 
para o seu traballo, con total liberdade.
Esa compilación xa chegou ás nosas librarías co título 
A cidade na poesía galega do século XXI, edición literaria de Gonzalo Vázquez, e que sae publicada na serie Esmorga (Escolmas) da 
Editorial Toxosoutos (na que en 1994 o meu libro de poemas xuvenís 
42 décimas de febre inaugurou a colección 
Nume). A
 devandita antoloxía xunta textos de até 61 autoras e autores diferentes
 pertencentes a diversas promocións, sendo a máis veterana a poeta 
Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) e a máis nova 
Berta Dávila
 (Compostela, 1987). Canda estas dúas mulleres figuran, por orde 
alfabética, os seguintes poetas (dos máis deles tedes o seu perfil 
biográfico na páxina da 
AELG):
Xoán Abeleira, Marilar Aleixandre, Francisco Álvarez “Koki”, Anxo 
Angueira, Alicia Baña, Xosé María Álvarez Cáccamo (curiosamente no C de 
Cáccamo), Ramón Caride Ogando, Xosé Antón Cascudo Rodríguez, Yolanda 
Castaño, Xabier Cordal, Francisco Cortegoso, Marta Dacosta, Lois 
Diéguez. Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz 
Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Manuel 
Forcadela, Antom Fortes Torres, Modesto Fraga, Xavier Frías Conde, Luís 
González Tosar, Mero Iglesias, María Lado, Xavier Lama. Alfonso Láuzara,
 Xosé Antón Laxe Martiñán, Alberto Lema, Rafael Lema, Xulio López 
Valcárcel, Verónica Martínez Delgado, Ricardo Martínez Conde, Rosa 
Méndez Fonte, Alberte Momán, Carlos Negro, Isidro Novo, Andrea Nunes 
Brións, Olga Patiño Nogueira, Xabier Paz, Ugia Pedreira, Ánxeles Penas, 
Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, María do 
Cebreiro Rábade Villar, Baldo Ramos, Mario Regueira, Claudio Rodríguez 
Fer, Alfonso Rodríguez Rodríguez, Miguel Sande, Xosé Luís Santos 
Cabanas, Xavier Seoane, Francisco Souto Barreiro, Xosé Vázquez Pintor, 
Xabier Vila-Coia, Miro Villar, Xabier Xil Xardón e Isaac Xubín.
Alén dos poemas escollidos o libro tamén leva unha «Introdución» teórica
 do editor literario Gonzalo Vázquez na que sinala que «a tradición 
poética do tema da cidade quizais sexa tan antiga como a existencia (e 
quizais a preexistencia) destas, poesía e cidade», para logo facer unha 
panorámica sobre o 
topoi da cidade sobre todo na poesía europea
 contemporánea mais tamén na literatura universal e finalmente na nosa 
propia tradición literaria. Deste asisado e moi suxestivo prefacio, e 
coa autorización do seu autor, reproduzo uns parágrafos:
«Unhas tiras con formas de liñas temáticas, que nos poemas aquí 
recollidos, predominan o da cidade como destrutora do ser, como 
mecanismo alienante, por unha banda, e como hábitat de construción do 
ser civilizado por outra, que vén confirmar (paradoxalmente) a primeira.
 Noutros adóptase o poema como unha viaxe chea dunha “saudade moderna”, 
un querer volver á cidade propia, así como tamén a cidade testemuña, que
 observa o paso do tempo, e que mesmo se constrúe ao longo dos días.