OLGA NOVO (Vilarmao,
 A Pobra do Brollón, 1975) é unha coñecida poeta e ensaísta licenciada 
en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Mañá 
presentará na súa terra natal o poemario ‘Cráter’.
En que consiste a obra?
É un libro de poemas que exalta a beleza, a vida e o amor como 
motivos de liberación humana integral. O título ten que ver coa miña 
propia concepción da poesía. Un cráter pode ser a boca dun volcán e 
tamén producirse, coma os cráteres da lúa, polo impacto dun corpo 
astral. Para min a poesía é un impacto e é ao mesmo tempo a posibilidade
 íntima de expansión do sentir e do pensamento, é dicir, da linguaxe 
profunda. Así, o libro contén catro partes que constitúen os síntomas 
dunha erupción volcánica: Cinsa, Pedras, Lava e Rocha metamórfica. A 
cinsa, o corazón do libro, trata sobre o abandono, por parte dos poderes
 políticos, do noso mundo rural galego. É un canto á beleza que se 
extingue, e cántoa como valor de resistencia e supervivencia. Co noso 
mundo rural vaise unha cultura, e con ela a nosa lingua. Os e as poetas,
 que vemos e amamos a beleza e a vida, non podemos ollar para outro 
lado. Dándolle lugar en min a este mundo de algún modo fágoo revivir. 
Neste libro hai moitas elexías, declaracións de amor a seres que xa non 
están, pero hai tamén unha proclama rotundamente vital, libertaria, 
optimista e que loita sen descanso pola felicidade e o progreso humanos.
Que supón presentar en Brollón?
Esta presentación é un verdadeiro pracer poético para min 
porque neste acto non haberá só a presentación do meu libro, senón que 
estaremos xuntas tres xeracións poéticas de Brollón: o brindeiro Pepe de
 Forgas, unha marabilla da poesía de tradición oral, que estará 
acompañado á zanfona por Xosé Maceda; e ademais contaremos coa lectura 
poética dos nenos gañadores do concurso de poemas de Nadal, Sheila 
Leiras, Iago López e Joel Fernández. Unha xornada de Poesía Nosa para 
disfrutar.
Precisamente a casa da cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome dende hai un tempo.
É unha honra que o meu nome 
represente a cultura no lugar no que nacín, obviamente. Nese meu nome en
 realidade hai moitos outros nomes de persoas que traballan decote polo 
progreso do pensamento e o avance da cultura, da escrita e da non 
escrita.
Como recorda o día do nomeamento?
Con moito agarimo, polo afecto de tódalas persoas que alí 
estaban acompañándome e pola valentía dunha corporación municipal de 
esquerdas que estaba a dar nome e voz, a través de min, á xuventude 
progresista de Galicia, a unha muller nova, a unha creadora do lugar, de
 familia humilde.
Nesa xornada houbo un momento especial no que recordou a catro veciños de Brollón.
Foi para min o momento máis especial, eu nomeei á corporación 
municipal do 36, en nome da memoria que proclama a verdade e a xustiza 
cos xustos asasinados e silenciados polo fascismo. Porque no meu nome 
tamén debía estar o deles.
Non é a primeira vez que ten un recoñecemento dos veciños xa leu o pregón das festas de Monforte.
Si, no 2008. Foi tamén un pracer e unha honra para min poder desexarlle aos veciños a ‘Ledicia de Lemos’.
Recuperando a súa faceta de poeta. Como foron os primeiros pasos nese eido?
Empecei a escribir de moi nena, cando
 xa sabía de memoria os poemas daqueles libros de texto dos meus irmáns e
 entón decidín escribilos eu para que non se me acabaran nunca… na fonte
 de Vilarmao, na casa, nos soutos e nos lameiros. Co natural pracer dun 
xogo necesario que xa non me ía abandonar. Porque a poesía ía comigo 
vendo a beleza do mundo e sentindo todo de todas as maneiras, como di o 
poeta Fernando Pessoa. Ir cara á poesía foime algo natural, como para o 
corvo ir beber a gota que calmará a súa sede; para min ser poeta foi 
simplemente ser eu.
Tiña dificultades para acceder á poesía?
Accedía á poesía cada mañá esperando o transporte escolar, uns 
minutos de escoita do grilo ou dun paxaro. Accedía a ela de forma 
natural, como supoño que fixeron tódolos poetas populares dos que non 
gardamos nome pero si memoria a través dos seus cantos. Á poesía 
profunda, para quen a sabe ver e quen a ama, accédese pola vida e non 
polos libros.
Como recorda a publicación do seu primeiro libro, A teta sobre o sol?
Como un proxecto editorial fermoso 
levado a cabo por poetas entusiasmados e xenerosos que me deron a 
posibilidade de amosar ao mundo aquel meu mundo, a miña ollada, a miña 
forma de respirar o osíxeno do amor, da vida, da beleza, da liberdade.
Vinculase a súa poesía o erotismo, como valora esa relación?
Na miña poesía hai unha profunda proclama erótica no senso en 
que eu celebro a plenitude da vida, e polo tanto tamén a do corpo e a 
dos sentidos todos. A felicidade dos seres é o que verdadeiramente 
importa, e ninguén é feliz se non é libre, e ninguén é libre se reprime o
 seu sentir. Eu canto ao erotismo como canto a terra, o pensamento, a 
lucidez, a rebeldía, os lugares e o amor, porque a poesía é a beleza 
múltiple e plural do mundo e nela cabe todo e nela cabemos todos e 
todas.
Combina a poesía coa docencia. Son mundos compatibles?
Por suposto. A poesía é compatible coa vida e sen ela non 
existe, polo tanto, con paixón e ledicia todo vai adiante. Ademais 
incluso a docencia me ten inspirado algún poema de agradecemento ao meu 
alumnado. O profesor tamén debe aprender dos seus alumnos e alumnas. 
Como dicía o poeta lugués Luis Pimentel: «o poeta é un mestre sin ira».
Cales son os seus plans de futuro no mundo da literatura?
Van sempre da man da miña vida: a procura dunha existencia 
plena no ético, no estético e no emocional. Poesía Amor e Liberdade. 
Facer feliz a quen me fai feliz e ir facendo con calma pero sen pausa o 
lento traballo pacífico do progreso do pensamento. Para que a utopía 
teña o seu lugar neste mundo, hai que seguir soñando e proclamar o soño:
 ese é o deber dun poeta.
    
        
            DE PRETO 
             «Síntome guímara, sei que son de todas as partes» | 
        
        
            
             Que recordos ten de Vilarmao? 
             Este 2012, no que decidín coller un ano sabático 
 para rematar algúns proxectos literarios e de investigación, estou a 
 vivir en Vilarmao, co cal pode dicirse que os recordos da infancia e a 
 adolescencia se mesturan co día a día, feliz de espertar cos paxaros e 
 coa xeada que cobre os lameiros; feliz de ter aos meus pais tan preto de
  min, exultante de plenitude ao concordar o soño coa realidade, vivindo 
 no lugar que quero, e a carón de quen quero, meu mellor amigo, facer 
 cabanas, escaparme á fonte soa para escribir sonetiños; a paixón de 
 aprender na escola; ler a Kafka coa miña irmá mentres gardabamos as 
 vacas; o recendo do pan saíndo do forno; os poemas que me recitaba miña 
 mai cando eu tiña tres anos... as mans do meu pai volvendo do frío. 
             Que nota de falta cando está fóra? 
             Cando estou fóra disfruto de estar fóra. Un sempre 
 leva o seu lugar canda un, e creo que é moi positivo coñecer outras 
 culturas e saír dun mesmo. Eu son universalista, a apertura non está 
 reñida co enraizamento, máis ben aliméntanse. Precisamente porque me 
 sinto guímara, sei que son de todas partes.  |