Aínda que a súa profesión sexa a de enxeñeiro técnico agrícola, Alberte 
 Momán (Ferrol, 1976), é escritor. Agora acaba de publicar “Os 
 quilómetros que percorremos dende aquela” (Toxosoutos) unha indagación 
 nos conflitos íntimos estruturada en tres partes que conforman tres 
 relacións sentimentais e humanas. Unha poetización da existencia cotiá 
 sobre a que Momán sinala: “Non se trata de poesía erótica, como se ten 
 sinalado atendendo á miña traxectoria. O libro fala das relacións 
 humanas con tres persoas, e nesas relacións hai erotismo, do que falo 
 como un elemento cercano á existencia, pero tamén doutros elementos de 
 calquera parella ao longo do día común, como o traballo, que tanta 
 influencia ten sobre as persoas”. 
 En canto ao estilo, Momán asume 
 unha forte carga visual na súa poesía e neste “Os quilómetros que 
 percorremos dende aquela”. 
 
 
 
 Así, na última parte ten moita influencia a película “In the mood for 
 love”, do director Wong Kar-Wai, a través do seu protagonista Su 
 Liz-Hen. “Creo que as referencias visuais son comúns a moitos autores 
 contemporáneos. Eu pretendo crear imaxes suxerentes, comprensibles para 
 calquera lector amais da referencia e paralelismo a unha obra concreta 
 como, neste caso, ‘In the mood for love’, que ten bastante peso na 
 terceira parte do libro”. 
 Ao tratarse de relacións persoais podería 
 pensarse que o poeta ferrolán fala en clave autobiográfica, algo que el 
 nega. “Na literatura mestúrase o que é real e o que é fición. Ista non é
  unha narración histórica”. 
 Alberte Momán respira literatura. 
 Esparexida pola súa obra figuran libros e colaboracións en numerosos 
 libros e revistas, sen perder o contacto coa súa terra. “Procuro 
 colaborar coa revista Atenea, do Ateneo Ferrolán”, avisa como xeito de 
 manter as súas raíces. No eido literario continúa a traballar dentro 
 colectivo “A porta verde do sétimo andar”, que fai recitais e 
 actividades por vilas e cidades galegas, e incluso hai pouco visitou 
 Madrid. “O colectivo ten a faceta editorial: os Q de Vián Cadernos. 
 Trátase dun proxecto do colectivo que busca incidir na visibilidade da 
 produción artística galega. Esta colección nace con afán de 
 continuidade. Xa saíron traballos de Rosa Enríquez, Kiko Neves ou unha 
 obra miña e de Alba Méndez sobre Rosalía de Castro, entre outros 
 traballos. Resulta estimulante dar a coñecer novas propostas”.  
 
 Imaxinación >
  En canto ao futuro, Momán agarda presentar “Os quilómetros que 
 percorremos dende aquela” en Ferrol, quizais o mes próximo. Xa, ao longo
  do ano, sairá o seu regreso á narrativa. “Trátase dun libro de relatos 
 breves que sairá en Sotelo Blanco. Son historias moi breves, moi pouco 
 descritivas e que piden a intervención do lector, da súa imaxinación. 
 Son historias que tratan de suxerir máis que describir, algo que me 
 gusta máis”, confesa.
 
 
  
																													 |