"somos fame/ tamén/ para o soño". Haikus, coma este. Poemas longos e curtos. Algo de prosa. Todos teñen o seu espazo en 
Os quilómetros que percorremos dende aquela, (Toxosoutos), o novo libro de 
Alberte Momán.
 Unha obra na que o autor ferrolán amosa como a súa voz poética sigue 
medrando. Cada vez máis limpa, no estilo. E cada vez máis rica, na 
expresión.
Non é a primeira vez que 
Alberte Momán fai literatura erótica. Xa gañara o Illas Sisargas con 
Baile Átha Chiath no 2008 e o Narrativas Quentes por 
O lobo da xente. En 
Os quilómetros que percorremos dende aquela volve explorar o amor, na súa cotianeidade. As súas distintas etapas. Tamén o desamor. A ausencia. A dor da despedida. 
Pero segue a ser recoñecible, neste libro, o Momán máis político: menos visible aquí, porén, que en, por exemplo, 
A crise irredutible.
 "recorro ás vontades da propiedade privada/ que sente un desprezo 
tenaz/ contra a forza de traballo", di. Ou "o que me lembra un detalle 
de min mesmo/ desa escura pero esperanzadora/ condición de neofalante/ a
 ironía máis cruel/ ou o sarcasmo/ abrollan dos meus beizos na lingua do
 imperio".
Do mesmo xeito que en 
Sermos un,
 a obra coa que gañou o premio de poesía Aurelio Aguirre, sosteñen este 
texto forzas opostas: o amor e a xenreira. Só que do amor tamén se 
amosan as súas distintas caras: paixón, soidade, dependencia...
Como se pon de manifesto, unha vez máis, a febleza do sistema económico e
 político que nos constrúe: "tan só coa verticalidade dos meus versos/ 
son quen de definir á esquerda deste país/ que crin recuperar/ neste 
traballo/ que comezo/ con retardo/ a comprender/ detestando a miña 
figura ambigua/ intrascendente", escribe. "vivimos a nosa/ propia/ 
Perestroika/ perdidos na postmodernidade", di noutro lugar dun poemario 
estruturado en partes independentes e interrelacionadas. 
Momán forma parte do moi activo colectivo "A Porta Verde do Sétimo 
Andar", co que publicou non hai moito outro libro, "De Castro", no que 
el mesmo e Alba Méndez achegan a súa visión sobre a obra de Rosalía. 
Esta obra abría o selo "Q de Vian Cadernos", creado para ser un punto de
 encontro da produción artística de toda a lusofonía. Coma el, moitos 
outros membros do colectivo amosan o ronsel da poesía que se deu en 
chamar dos 90. Un tipo de creación no que as inquietudes sociais e 
políticas están moi presentes. Pero doutra maneira.