Ás caladas, sen se mexer moito nin armar boureo, 
Alberte Momán vai consolidando unha traxectoria singular no actual panorama literario galego. Narrador (
O lobo da xente, 2003) e, sobre todo, poeta (
O alento da musa, 2007; 
Baile Àtha Cliath, 2008; 
Erótica, 2008; 
Ferrol e o que queda por chover, 2008; 
A crise irredutible, 2009; 
Por unha palabra tan só. Poema para @s máis nen@s, 2010), este ferrolán de nacenza e lugués de adopción acaba de publicar 
Os quilómetros que percorremos dende aquela,
 longo poemario que se insire na colección Letra inversa da Editorial 
Toxosoutos e que constitúe un complexo tratado sociolóxico en verso.
Os tres bloques de sentido ao redor dos 
cales xira o tecido poemático da obra preséntannos universos relacionais
 definidos pola súa problematicidade. Son, estes, mundos do amatorio 
onde a ausencia, a soidade e o silencio pairan derredor e teñen de ser 
esconxurados pola brasas de Eros. Hai, pois, un latexar de amor-odio 
viscerais que some os protagonistas nunha vivencia agónica e 
enfermizamente dependente.
Agora ben, non sempre Amor é neste libro
 un deus castigador. Tamén hai relanzos para a admiración sensual, a 
correspondencia anímica, o proxecto compartido.
Mesmo poden descubrirse oasis nos que o 
amatorio pasa puntualmente a segundo plano e a afirmación social ou a 
descrición do cotián gañan forza por momentos.
Mais o que fai xenuína a escrita de 
Momán é esa súa estilística na que os textos grelan multiformes, a un 
tempo unitarios e diversos, compartindo idéntica retórica e selección 
léxica, equivalente metafórica, pero concretándose ora en haikus ora en 
poemas en prosa ora en poesías breves ora en longos poemas de tiradas en
 seccións.
Amor e as súas caras, as erosións e 
miserias do día a día nas relacións, o inextricable da circunstancia que
 tantas veces nos circunda e determina, sobre todo iso e máis poetiza 
Alberte Momán neste seu Os quilómetros que percorremos dende aquela,
 libro de versos contundentes como mazas, rotundos nas referencias que 
se abren a inferencias pragmáticas múltiples sempre suxestivas.
Unha lectura recomendable dun poeta en 
progreso. Versos para a consciencia da distancia quilométrica á que, por
 veces, nos empurra o (des)amor.