Cumprindo coa tradición instaurada 
cando se crearon os galardóns, onte, 17 de decembro, deuse a coñecer o 
título da obra gañadora da undécima edición do Premio de Historia 
Medieval de Galicia. Nesta ocasión, o traballo elixido polo xurado trata
 a lírica galego-portuguesa e está escrito por un vigués. 
    A casa de cultura de Noia foi o 
escenario no que o xurado, presidido por Henrique Monteagudo e composto 
por Xerardo Agrafoxo Pérez, Clodio González Pérez, Pedro García Vidal e 
Marcos Fernández Ferreiro, deu a coñecer a obra galardoada con este 
premio que se concede anualmente. A nobreza na poesía lírica 
galego-portuguesa é o título dun traballo escrito por Antonio Rey 
Somoza, filólogo afincado en Santiago, no que se explora a información 
que ofrece sobre a época o cancioneiro trobadoresco galego-portugués e 
as Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio. 
    O xurado destacou, tras facer 
pública a súa decisión, o carácter interdisciplinar da obra gañadora «ao
 mostrar a utilidade da exploración dos textos literarios como fonte de 
información histórica». Neste sentido, subliñan os datos obtidos sobre o
 modo de vida nobiliaria, a rigorosa estratificación da sociedade, os 
ideais e actitudes da nobreza e a relixiosidade. 
    Principios de ano 
    En canto á entrega do Premio de 
Historia Medieval de Galicia, organizado pola editorial Toxosoutos e os 
concellos de Noia, Muros, Outes, Porto do Son, Lousame e Carnota, terá 
lugar no primeiro trimestre do vindeiro ano. A data está por concretar 
porque, antes dese acto, debe editarse a obra gañadora, pero a previsión
 é que Antonio Rey poida recoller o galardón entre finais de febreiro e 
comezos de marzo.