A literatura clásica continúa a emitir sinais descifrábeis no tempo en  
 que o capital non dá recuperado a taxa de gaño. Hai dous mil, tres mil  
 anos, que Publio Virxilio Marón redactaba un poema, a cuarta bucólica,
   practicamente contemporáneo: "Xa chega o final dos tempos que Sibila  
 agoirara / Un grande ciclo de séculos de novo comeza". E se Virxilio,  
 aquel que guiou a Dante polo inferno, ecoa de novo en galego, é grazas  
 ao labor de tradución de Xoán Fuentes Castro. O poeta escribiu as Bucólicas
   en latín 50 anos antes de que Xesucristo entrase no escenario da  
 historia e agora, na edición que Toxosoutos vén de enviar ás librarías, 
  conforman o último episodio do trasvase entre as letras grecolatinas do
   mundo antigo e o galego actual. Castro (O Grove, 1932) escapa do 
 funcionalismo. "Ás veces fanse cousas  que non son necesarias, pero que 
 nos dan unha visión diferente da vida,  do que fomos e do que puidemos 
 ser", expón. El, que xa pasou ao galego o  Lingüística e colonialismo de Louis-Jean Calvet ou o Tractatus de Wittgenstein, confesa que si, que ama a Virxilio -de próxima publicación é a súa versión da Eneida e xa comezou coas Xeórxicas-
   pero que, porén, non o considera "o pai de Occidente". Si unha figura 
  esencial na "configuración moral" de Europa. Tan esencial que o 
 profesor  Xosé Antón López Silva tamén ultima a súa traslación da Eneida
  e as traducións parciais ao galego do poeta campesiño sucedéronse dende
  que, en 1898, Florencio Vaamonde Lores abriu a billa. "No meu labor de 
 tradución tamén hai o aspecto de ser galego", xustifica  Fuentes Castro,
  "porque, ademais, non hai tradución sistematica á nosa  lingua". Co 
 punto morto ao que chegou a colección Clásicos en Galego,  titelada polo
  latinista Manuel Díaz y Díaz (1924-2008) e partillada pola  Xunta e a 
 editorial Galaxia, ninguén se ocupa de reinterpretar para o  galego o 
 susbtrato da cultura occidental. "En calquera outro país,  proliferan as
  traducións de clásicos", explica a profesora da  Universidade de 
 Santiago Helena de Carlos (Cenlle, 1964). Mesmo en  linguas sen Estado 
 que as ampare: a serie Bernat Metge, fundada por  Francesc Cambó, leva 
 dende 1923 acollendo as versións catalás dos  escritores da Grecia 
 antiga e da Roma imperial. "En España, a situación  só comezou a variar 
 coas edicións de Gredos, que sobre todo son valiosas  pola súa gran 
 amplitude de textos", engade.
 
  
																													 |