Non é a primeira vez que chamo a  atención sobre ese pernicioso hábito 
adquirido de etiquetar os autores  non polo conxunto da súa produción, 
senón unicamente por aquela faceta  que, polo motivo que sexa, os fixo 
máis coñecidos. 
Este feito, contrario á 
xusta  ponderación, é o que explica que asociemos decote o nome de 
Claudio  Rodríguez Fer ao da mellor poesía galega das últimas décadas ou
 ao da  máis alta investigación literaria e que se nos faga estraño velo
  asociado ao da narrativa, por exemplo.
 E o caso é que o de Lugo é narrador dende hai corenta anos. Demóstrao o seu último libro publicado, Contos e descontos, no que reúne toda a súa narrativa completa édita e inédita.
 En
 efecto, neste volume figuran  compilados relatos escritos por Rodríguez
 Fer na mocidade e que aínda  non viran luz, como os agrupados baixo o 
título común de Prometeo adolescente (1972-1976), ademais dos dous libros de contos Meta-relatos (1988) e Os paraísos eróticos (2010) e mais o apéndice O neno que non quería ir á guerra. Recordos dun neno da posguerra (2010), que tamén achega tres novas historias descoñecidas ata o de agora.
 Por
 xunto, toda esta obra supera  longamente os tres centos de páxinas e, 
en non poucos casos, inclúe  prosas de calidade contrastada que foron 
mesmo escolmadas nas máis  prestixiosas antoloxías do xénero. Por tanto,
 cómpre ir desterrando esa  idea reducionista do Rodríguez Fer poeta e 
mais nada que tan adoito  circulou.
  Canto aos relatos deste Contos e descontos
  evidencian moi distintas apostas tanto no seu contido coma na súa  
técnica, o que non debería de estrañar a ninguén se se pensa que algúns 
 foron escritos por un rapazolo de apenas dezaseis anos e outros son 
obra  madura dun autor consagrado. Así, mentres as historias de Prometeo adolescente
  son textos de tecido máis inxel, imbuídos de simbolismos moi patentes e
  referentes de maior calado efectista (coas sombras de Poe, Lovecraft, 
 Cortázar ou Borges pairando ao fondo), os contos de Meta-relatos ou Os paraísos eróticos
  demostran unha mestría na depuración, no xogo metaliterario e na  
destreza da pulsión erótica como asunto principal que, xaora, aínda non 
 existía tan notoriamente nos relatos primeiros.
 De igual maneira, a enluvada acomodación á voz dun neno narrador protagonista nas historias que contén O neno que non quería ir á guerra
  conseguen un aparente naïf tras do que se agocha unha moi elaborada  
crítica social, de calado moral indubidable e iluminador cuestionamento 
 da nefasta deriva na que se instalou o Poder en épocas recentes.
 A visita a estes Contos e descontos,
  por tanto, ofrecerá a quen ler “Pre-relatos” de estirpe visionaria e  
fundacional, creacións cósmicas e metamorfoseadoras no “Ciclo de Ión”,  
contos de compromiso certo e estética sinalada en “Entre a pavura e a  
revolución” e unha reveladora ollada aos tempos do último franquismo en 
 “Eu teño un canciño”, “A vaca con zocas” ou “A republiquiña dos  
animais”. Se ao anterior sumamos os “Logaritmos” literarios, a “Fábula  
fauna” simbólica e a transgresión en “Flérida floresta” de Meta-relatos
  ou a transmigración anímica das “Belas e bestas”, o eros sen mesura 
das  “Entregas” ou o tríade iniciático de “Tres” do amentado Os paraísos eróticos
  teremos como resultado un volume plural nos seus vieiros máis unívoco 
 na calidade que os preside, por forza polimorfo e espiral nas súas  
concrecións ao longo do tempo, mais sempre reivindicador da intensidade e
  a entremestura indisoluble de vida e literatura, escrita e ser, como  
arkhés vitais irrenunciables.
 [Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 21-8-2011]