Aínda que é
 máis coñecido como  poeta, Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) tamén é 
autor dunha obra  narrativa que agora recompila nun único volume, Contos
 e descontos  (Toxosoutos), e que inclúe textos inéditos. Non obstante, o
 escritor,  que presentará hoxe o volume na Feira do Libro da Coruña ás 
20.00 horas,  prefire non facer distincións de xéneros literarios, xa 
que toda a súa  obra, e mesmo a súa vida, está marcada por temas comúns.
 «A vangarda  libertaria, o erotismo insubmiso e a memoria solidaria 
aparecen en todo o  que fixen dende a adolescencia ata hoxe», subliña 
Rodríguez Fer, quen  si engade a presenza do cinema e as súas técnicas 
nos seus relatos. 
Outra característica é un gusto pola brevidade, que xa estaba presente nos textos de Meta-rrelatos (1988) e de Os paraísos eróticos (2010), «onde mesmo hai un conto de menos dunha liña», formulación estilística que provén da «procura da intensidade».  
Estes dous libros son, ademais, a cerna de Contos e descontos,
  pero o volume conta con máis pezas que nunca foran recompiladas, mesmo
 a  de carácter inaugural. «Aparece por primeira vez a miña primeira 
obra  narrativa, Prometeo adolescente, composta por microrrelatos case autobiográficos», di o autor.  
Outros
 textos son o fantástico  Ciclo de Ión e contos sobre a memoria e a 
loita antifascista;  precisamente esa é a liña do relato final, tamén 
inédito, O neno que non  quería ir á guerra, «unha especie de memorias 
dun neno da posguerra  fillo de pai represaliado». 
O
 feito de que Contos e descontos  se presente como «narrativa completa» 
non exclúe que Rodríguez Fer peche  esta faceta da súa obra. 
«Ultimamente preferín facer relato en verso,  como ocorre nos meus 
últimos poemarios, Ámote vermella e Unha tempada no  paraíso, porque ao 
mesmo tempo que me interesa contar historias non  quero prescindir da 
intensidade da poesía. E de momento prosigo nesta  liña, aínda que nunca
 se sabe o que se fará, porque non é un quen fai a  súa obra, senón a 
súa obra a un», explica o escritor.