"A hipocrisía contaxiarase entón ó eido 
público dende o privado, ás  relacións sociais, porque os individuos xa 
non son capaces de concibir  un mundo sen mentiras, falsidades, sen 
praceres colectivos que  satisfagan á masa, ó tempo que impiden a 
realización do suxeito, do  singular, do ego". É unha das reflexións do 
protagonista de 1980 (ano cero), a primeira novela de Rubén Martínez Alonso, que acaba de editar Toxosoutos. Un monólogo dunha persoa lúcida na súa loucura.  
É o teu primeiro libro, aínda que xa publicaras algo de poesía en "Dorna". Non é un pouco arriscada a túa opción polo monólogo?  
O
  protagonista é un demente e iso dá pé a reflexionar sobre moitas  
cousas. É case todo monólogo, si, menos algo de diálogo que lle dá  
axilidade, aínda que moitas veces non sabemos con quen fala, moitas  
veces fala consigo mesmo...  
É
 unha persoa cunha  enfermidade mental, con dobre personalidade, pero 
fai críticas moi  acertadas dunha sociedade que ve como alleante e 
destrutiva...  
Desexa  a 
morte, e vai argumentando esa arela nas súas experiencias. E ó mesmo  
tempo vai asumindo a personalidade dos outros personaxes dos que fala. E
  cuestiona, critica, a sociedade. O xogo é que se podería darlle a 
volta  á historia, sendo os tolos os demais, pois el pregúntase quen 
pode  sentirse libre no cárcere que é o mundo.  
Que é este libro, se tiveras que definilo nunha frase? Cal é o tema fundamental?  
A liberdade de escoller como vivir a túa propia vida.  
O que conta ocorreu no pasado. E hai varios pasados nun...  
Presente,
  pasado e futuro están mesturados, en realidade. Só hai esa data que el
  asocia a un feito traumático. O tempo, como o espazo, quedan nun 
segundo  plano.  
O que si está claro é que o marcou a súa infancia, o maltratamento...  
Ten
  bos recordos da súa infancia. Pero tamén hai unha crítica ó  
maltratamento, e ó amor mal entendido que en realidade é dependencia e  
que leva a consentilo. E, si, a idea de que a infancia é unha etapa que 
 nos marca moito.  
Pero o protagonista tamén é crítico consigo mesmo, non si? 
Si,
  porque se decata de que é moi semellante a seu pai. El ten unha  
personalidade herdada, e non é capaz de ser doutra maneira. Seu pai  
tamén fora maltratado. É unha violencia que vai pasando de xeración en  
xeración. E a única saída que el ve é a morte.  
Rexeita a sociedade pero tamén se sente moi só...  
Séntese só porque non se sente comprendido.