A
 editorial Toxosoutos vén de sacar a luz, na colección “Nume”, 1980 (ano
 cero) de Rubén Martínez Alonso, cuxas primeiras publicacións literarias
 tiñeron lugar no eido da
  poesía
 a través da revista Dorna. 1980 significa a súa primeira incursión no 
ámbito da narrativa. O pequeno, pero intenso, volume de oitenta páxinas 
leva un título que fai referencia á crenza de que tras a morte por 
suicidio unha persoa volve de novo ao ano cero.Trátase, pois, dun 
monólogo onde o tempo e mais o espazo desaparecen na procura da 
ubicuidade absoluta: a consulta da psiquiatra, o máis alá, a infancia, o
 futuro, o pasado, o presente (“xa todo foi, é e será a un tempo”), 
mentres o narrador Eu confúndese con El e ás veces con Ela co que o Ego 
asume outros eus e a dualidade de xénero. Ansiedade, obsesión, angustia,
 destrución, psicose, suicidio, expulsión do paraíso, orfandade, 
soidade, dor, enfermidade, desamparo, violencia, maltrato, nai, pai, 
irmán…son os campos semánticos sobre os que xiran as reflexións do 
protagonista , quen aspira reiteradamente á morte por suicidio porque 
non hai esperanza ou porque é o único xeito de encararse coa vida. Unhas
 palabras descarnadas e brutais que non deixarán indiferente a ninguén e
 que nos producen, cando menos, desacougo.