Non é fácil descubrir e recompor unha saga familiar 
como a dos Gaite galegos, os antergos da escritora Carmen Martín Gaite. 
No oficio da indagación e de codificar andainas e diversos parámetros en
 que se moveu esta familia, asentada en San Lourenzo de Piñor, no 
concello ourensán de Barbadás, o filólogo David González Couso non 
decepciona o lector ao ofrecerlle esa exhaustiva revelación rigorosa e 
intelectual de varios membros desta familia, no libro titulado: O fío da escrita (Toxosoutos,
 2010), cun cUrto e acertado prólogo desoutro filólogo, Claudio 
Rodríguez Fer. E xa eses fíos, non fiaños, agrandan a descuberta cando 
González Couso nos adentra nun relevante perfil humano e intelectual dos
 Gaite, para desembocar en Carmen Martín Gaite. Comezando polo prócer 
desta saga con presenza en Ourense, Joaquín Gaite Núñez, natural da 
Coruña onde naceu en 1820 e finou en Ourense en 1880. Catedrático de 
Xeografía no Instituto de Segunda Enseñanza. Un persoeiro moi activo nos medios xornalísticos da cidade das Burgas e fundador do xornal El Orensano.  
Joaquín
 Gaite Núñez foi un pedagogo moi valorado nos círculos de ensino e un 
persoeiro moi puntual e activo no xornalismo local. Un home moi 
vinculado ao ideario krausista, no que resalta o papel do libre ensino 
no que respecta ás correntes racionalistas. O gran valor desta 
descuberta é que David González Couso espreme todos os resortes dunha 
investigación moi seria e contrastada. 
Continuando arreo do fío 
condutor que nos tende este mozo filólogo, a súa descuberta sorprende 
nese rigor de estilo que propicia levarnos alén dunha noticia novidosa 
que, por circunstancias varias, ten para o lector un destaque cando se 
decata que non se trata dunha biografía dos Gaite, mesmo dun estudo moi 
personalizado en varios activos do que impón o propio pesquisador. 
Un
 fillo de Joaquín, Francisco Javier Gaite Lloves, nado en Ourense en 
1861, abo de Carmen, sorprende a súa figura senlleira por ter ese 
portento intelectual na Escola de Artes e Oficios de Ourense, recoñecido
 pedagogo así como o seu irmán Antonio, profesor de ciencias e fundador 
do Ateneo de Ourense. González Couso, en seus catro capítulos mais que 
introdutorios, pormenorizados, de O fío da escritura, confirma 
as prioridades de entrar noutra fase de comprensión vital e necesaria 
como son os textos facsimilares, que representan a outra parte 
científica dos Gaite, que se abren cun opúsculo de Joaquín Gaite, 
titulado: Método contra el Cólera-Morbo Epidémico, publicado en
 Cuenca en 1854. De Antonio Gaite Núñez, irmán do anterior, temos unha 
interesante aportación sobre as explotacións dos montes comunais, 
titulada: Consideraciones en defensa de los montes públicos de Galicia. Publicado
 en 1885, con diversas reflexións: "Remedios hay para mejorar los 
montes, aún sin necesidad de apelar á otra legislación que la vigente, 
ni imponer á los pueblos grandes sacrificios o privaciones." 
De Francisco Javier Gaite Lloves, encontramos o título: Elementos de Geografía Astronomía y Física, publicado
 en Ourense en 1894. Ademais da achega científica con que configura cada
 un dos apartados, está a parte didáctica e toda aquela metodoloxía da Institución de Libre Enseñanza, potenciada por Krause e Francisco Giner de los Ríos, que tivo en Galiza a este Gaite, promotor de ideas e inventivas. 
Aínda
 suxeitos a ese fío que nos tende David González Couso chegamos a Carmen
 Martín Gaite, que aínda que naceu fóra de San Lou- renzo de Piñor, 
visitou e conviviu co microcosmos nativo de seus predecesores e levou 
non poucas sensacións da paisaxe ourensán ás súas novelas. Todo ese 
fascinio da autora por Galiza, está portentosamente emancipado nos 
innumerábeis estudos de revelación de  González Couso..