A figura do infatigable Xosé Agrelo 
Hermo ha merecer sempre toda canta homenaxe se lle tribute: mestre 
comprometido coa causa da lingua e a cultura de noso, profundador nas 
raiceiras da historia galega, ensaísta responsable de importantes 
plataformas de escrita xornalística e director durante moitos anos dunha
 das nosas máis activas empresas editoriais, a Editorial Toxosoutos, 
foi, sobre todo, un destacado autor dramático ao que debemos algunhas 
destacadas pezas publicadas na década dos setenta do pasado século, 
varias delas representadas mesmo antes da morte do Ditador, nun tempo no
 que escribir e levar a escena obras en galego tiña unha especial 
significación.
A casa editora que axudou a fundar e que
 con tanto acerto capitaneou dende 1988 ata o seu pasamento en novembro 
do 2006 recupera agora un texto teatral seu que permanecía inédito, O triángulo escaleno,
 nunha coidada edición que contou con dous prologuistas de luxo: o 
historiador e narrador noiés Xerardo AgraFoxo e mais o dramaturgo e 
académico Euloxio R. Ruibal.
Os limiares de AgraFoxo e Ruibal dan 
conta tanto da intensa traxectoria teatral de Agrelo Hermo (como 
promotor e mais director de grupos e compañías e aínda como autor e 
adaptador de textos) como da análise particular do universo escénico que
 propón a peza exhumada.
O triángulo escaleno é un drama
 breve que xira entorno á problemática convivencia amorosa de tres 
personaxes que se configuran como os complexos vértices da figura 
xeométrica que dá título á propia obra: Marta e Verónica, dúas mozas 
estudantes en Compostela, buscan alguén que se preste a compartir 
alugueiro con elas e aparece nas súas vidas Brais, un seminarista que 
pronto alterará o rumbo das súas vidas sentimentais. Marta, lesbiana, 
está namorada de Verónica, quen, por súa vez, fica engaiolada de Brais, 
que se deixa querer desta última pero ao que tampouco desagrada Marta.
A escusa deste triángulo amoroso dá pé á
 reflexión sobre cuestións capitais para o ser humano como o sentido da 
fidelidade, a entrega amorosa, os difíciles lindes entre a amizade fonda
 e a paixón ou o monstro dos celos, por citar só algúns dos temas 
abordados pola peza.
Das bondades do Agrelo Hermo dramaturgo e, máis concretamente, dos valores deste O triángulo escaleno
 dan conta máis cumprida AgraFoxo e Ruibal nos seus respectivos 
prólogos, por veces sorprendentemente encontrados no apuntamento de 
certos datos (é o caso da datación dalgunhas obras, que difiren dun a 
outro prologuista, deixando na dúbida ao lector), mais precisos e 
abondosos en moitos outros sentidos.
Actual e suxestiva, a escrita de Xosé Agrelo Hermo neste O triángulo escaleno
 é unha invitación irresistible dende a propia cuberta, felizmente 
ilustrada polo pintor, tamén noiés, Alfonso Costa, e constitúe unha 
ocasión inmellorable para nos achegar á obra dun autor ao que sempre ha 
pagar a pena (re)ler.