Poeta, narrador, autor 
teatral e ensaísta sempre en  vangarda, Claudio Rodríguez Fer é tamén 
autor de máis de medio cento de  obras creación e investigación. Pero, 
por riba de todo, é poeta  erótico, dimensión coa que seu a coñecer en 
libro e á que consagrou  numerosas obras. Director da Cátedra Valente de
 Poesía e Estética, da  USC, Rodríguez Fer, ven de presentar seu libro 
Unha tempada no paraíso,  na Fundación Granell, obra de poemas publicada
 pola editorial Toxosoutos  na súa colección Esmorga, con ilustracións 
eróticas de Sara Lamas.
-O público abarrotou a sala con esta presentación, cando no é moi frecuente, especialmente cando se trata de poesía. 
-Non,
 o cal alégrame moito pola editorial, pola  autora das ilustracións, 
polo libro e tamén polo feito de que esta  presentación tivo lugar na 
Fundación Granell, unha bandeira da vangarda  en Galicia, á que ademais 
me sinto vinculado porque fun amigo de Eugenio  Granell, o pintor que 
lle da nome, con quen publiquei un libro no que  el facía serigrafías e 
eu os poemas.
-Amor, liberdade e poesía, que dalgunha maneira, son os eixos da súa poesía. 
-Si.
 Forman parte da miña poética esencial. A miña  obra caracterízase por 
un espírito libertario. Outra cousa é que este  tipo de creación libre 
sexa o que lle interesa ao capital que comercia e  vende literatura de 
masas. Polo tanto, esta é unha razón de máis para  practicar a 
insubmisión ante toda clase de compracencia ou  comercialismo.
-Que a poesía xa non ocupe as aulas, nin estea de moda, como noutros tempos, debe ser algo moi triste para o poeta. 
-É
 lamentable. É unha perda gravísima que isto  suceda. O que pasa é que 
moita xente se rebela moitas veces contra este  tipo de castración da 
sensibilidade, a través precisamente doutras  válvulas de escape, como 
pode ser a canción, porque a xente ten  necesidade de poesía.
-Pode ser que a poesía, como o cine e outras artes necesite redefinir novos espazos. 
-Como
 publicación minoritaria aínda  subsiste, Noutras épocas tampouco se 
vendía masivamente a poesía en  libros, pero si se transmitía 
masivamente a través das cancións. Pero a  poesía debe ir gañando outro 
tipo de vehículo ou medio de expresión. Eu  mesmo fago poesía visual. 
-¿Por que tamén a memoria histórica, outro eixo da súa poesía, está presente nese libro? 
-Porque
 para afirmar a vida é necesario  denunciar a morte. eu fago poesía pola
 vida e, polo tanto, estou  obrigado a facer memoria contra a morte. 
Para que non volva a suceder o  que sucedeu e compensar aos que 
padeceron inxustamente. Eu fago cos meus  versos xustiza poética, xa que
 xustiza histórica é imposible.