O
salón de plenos carnotán converteuse onte no escenario do fallo do
premio de Historia Medieval de Galicia, que cada ano convocan a
editorial Toxosoutos e os concellos de Carnota, Muros, Outes, Lousame,
Noia e Porto do Son. Nesta ocasión, o galardón, que cumpre a súa décima
edición, recaeu nunha obra sobre a evolución da servidume, escrita por
Marcos Fernández Ferreiro. En segundo posto quedou un traballo da
autora Andreia Catarina Magalhaes Arezes sobre os elementos de adorno
altomediévicos. O premio entregarase no mes de marzo do próximo ano.
A
obra que se impuxo, tal e como fixo saber un dos responsables de
Toxosoutos, David González Couso, analiza distinta documentación para
retratar os elementos que caracterizaban aos grupos de campesiños
chamados servos. E como foi evolucionando a servidume ata converterse
en algo residual.
O alcalde de Carnota, que
interveu no acto -no que estiveron presentes tamén os rexedores de
Muros, Lousame e Outes- sinalou que o seu desexo é que certames como
estes «perduren no tempo».
No salón de plenos
carnotán tamén estiveron presentes algúns membros do xurado. O
presidente foi Carlos Barros e como vocais actuaron Xerardo Agrafoxo,
Clodio González, Pedro García Vidal e Henrique Monteagudo. Fixo as
labores de secretario, sen voto, David González. O acto de onte serviu
tamén para convocar a próxima edición do certame de historia, cuxo
fallo se dará a coñecer o 17 de decembro do 2011.