Novas de interese - Editorial Toxosoutos.com.


Detalle da nova:



Ver noticia

Quilométrica do (des)amor


Autor:      Armando Requeixo
22/12/2011

Ás caladas, sen se mexer moito nin armar boureo, Alberte Momán vai consolidando unha traxectoria singular no actual panorama literario galego. Narrador (O lobo da xente, 2003) e, sobre todo, poeta (O alento da musa, 2007; Baile Àtha Cliath, 2008; Erótica, 2008; Ferrol e o que queda por chover, 2008; A crise irredutible, 2009; Por unha palabra tan só. Poema para @s máis nen@s, 2010), este ferrolán de nacenza e lugués de adopción acaba de publicar Os quilómetros que percorremos dende aquela,
longo poemario que se insire na colección Letra inversa da Editorial
Toxosoutos e que constitúe un complexo tratado sociolóxico en verso.

Os tres bloques de sentido ao redor dos
cales xira o tecido poemático da obra preséntannos universos relacionais
definidos pola súa problematicidade. Son, estes, mundos do amatorio
onde a ausencia, a soidade e o silencio pairan derredor e teñen de ser
esconxurados pola brasas de Eros. Hai, pois, un latexar de amor-odio
viscerais que some os protagonistas nunha vivencia agónica e
enfermizamente dependente.


Agora ben, non sempre Amor é neste libro
un deus castigador. Tamén hai relanzos para a admiración sensual, a
correspondencia anímica, o proxecto compartido.


Mesmo poden descubrirse oasis nos que o
amatorio pasa puntualmente a segundo plano e a afirmación social ou a
descrición do cotián gañan forza por momentos.


Mais o que fai xenuína a escrita de
Momán é esa súa estilística na que os textos grelan multiformes, a un
tempo unitarios e diversos, compartindo idéntica retórica e selección
léxica, equivalente metafórica, pero concretándose ora en haikus ora en
poemas en prosa ora en poesías breves ora en longos poemas de tiradas en
seccións.


Amor e as súas caras, as erosións e
miserias do día a día nas relacións, o inextricable da circunstancia que
tantas veces nos circunda e determina, sobre todo iso e máis poetiza
Alberte Momán neste seu Os quilómetros que percorremos dende aquela,
libro de versos contundentes como mazas, rotundos nas referencias que
se abren a inferencias pragmáticas múltiples sempre suxestivas.


Unha lectura recomendable dun poeta en
progreso. Versos para a consciencia da distancia quilométrica á que, por
veces, nos empurra o (des)amor.