- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Sobre A cidade na poesía galega


:      Miro Villar
27/02/2012

Por volta da primavera do 2009 recibín un convite de Gonzalo Vázquez
para facer parte dunha escolma de textos que tivesen a cidade como
obxecto poético. Na miña obra teño demasiados poemas que teñen como
espazo alguna cidade nosa ou europea, así que optei por xuntar un feixe
deles e fíxenllos chegar ao antólogo para que fixese a escolla precisa
para o seu traballo, con total liberdade.

Esa compilación xa chegou ás nosas librarías co título A cidade na poesía galega do século XXI, edición literaria de Gonzalo Vázquez, e que sae publicada na serie Esmorga (Escolmas) da Editorial Toxosoutos (na que en 1994 o meu libro de poemas xuvenís 42 décimas de febre inaugurou a colección Nume). A
devandita antoloxía xunta textos de até 61 autoras e autores diferentes
pertencentes a diversas promocións, sendo a máis veterana a poeta Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) e a máis nova Berta Dávila
(Compostela, 1987). Canda estas dúas mulleres figuran, por orde
alfabética, os seguintes poetas (dos máis deles tedes o seu perfil
biográfico na páxina da AELG):

Xoán Abeleira, Marilar Aleixandre, Francisco Álvarez “Koki”, Anxo
Angueira, Alicia Baña, Xosé María Álvarez Cáccamo (curiosamente no C de
Cáccamo), Ramón Caride Ogando, Xosé Antón Cascudo Rodríguez, Yolanda
Castaño, Xabier Cordal, Francisco Cortegoso, Marta Dacosta, Lois
Diéguez. Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz
Espinosa, Eduardo Estévez, Francisco X. Fernández Naval, Manuel
Forcadela, Antom Fortes Torres, Modesto Fraga, Xavier Frías Conde, Luís
González Tosar, Mero Iglesias, María Lado, Xavier Lama. Alfonso Láuzara,
Xosé Antón Laxe Martiñán, Alberto Lema, Rafael Lema, Xulio López
Valcárcel, Verónica Martínez Delgado, Ricardo Martínez Conde, Rosa
Méndez Fonte, Alberte Momán, Carlos Negro, Isidro Novo, Andrea Nunes
Brións, Olga Patiño Nogueira, Xabier Paz, Ugia Pedreira, Ánxeles Penas,
Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, María do
Cebreiro Rábade Villar, Baldo Ramos, Mario Regueira, Claudio Rodríguez
Fer, Alfonso Rodríguez Rodríguez, Miguel Sande, Xosé Luís Santos
Cabanas, Xavier Seoane, Francisco Souto Barreiro, Xosé Vázquez Pintor,
Xabier Vila-Coia, Miro Villar, Xabier Xil Xardón e Isaac Xubín.

Alén dos poemas escollidos o libro tamén leva unha «Introdución» teórica
do editor literario Gonzalo Vázquez na que sinala que «a tradición
poética do tema da cidade quizais sexa tan antiga como a existencia (e
quizais a preexistencia) destas, poesía e cidade», para logo facer unha
panorámica sobre o topoi da cidade sobre todo na poesía europea
contemporánea mais tamén na literatura universal e finalmente na nosa
propia tradición literaria. Deste asisado e moi suxestivo prefacio, e
coa autorización do seu autor, reproduzo uns parágrafos:

«Unhas tiras con formas de liñas temáticas, que nos poemas aquí
recollidos, predominan o da cidade como destrutora do ser, como
mecanismo alienante, por unha banda, e como hábitat de construción do
ser civilizado por outra, que vén confirmar (paradoxalmente) a primeira.
Noutros adóptase o poema como unha viaxe chea dunha “saudade moderna”,
un querer volver á cidade propia, así como tamén a cidade testemuña, que
observa o paso do tempo, e que mesmo se constrúe ao longo dos días.



<<       > <