- Editorial Toxosoutos.com.


:



Ver noticia

Guieiro Vidal Bolaño


:      Armando Requeixo
11/04/2013

Laura Tato Fontaíña, recoñecida especialista na historia e análise do teatro de noso, acaba de publicar na colección de ensaio da noiesa Toxosoutos un traballo ao que titulouRoberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, oportuna contribución ao ano literario en curso no que, como é ben sabido, dedicamos o Día das Letras Galegas a tan destacado autor.

Este breve volume de Tato Fontaíña divide o seu contido en tres capítulos: un primeiro centrado no contexto epocal no que agroma a actividade de Vidal Bolaño; un segundo no que se tracexa un sucinto perfil biobibliográfico do personaxe e un terceiro no que se realiza unha aproximación analítica aos seus principais títulos. Os dous primeiros capítulos débenlle moito ás múltiples investigacións previas realizadas por outr@s colegas, das que aquí se ofrece unha síntese divulgativa, sendo o terceiro destes bloques aquel onde a docente da UDC se achega con maior orixinalidade á dramática do santiagués. Nestas páxinas, compéndiase con firme trazo didáctico e rigor expositivo o máis salientable verbo da súa adscrición xeracional e mais os principais ciclos nos que é posible clasificar o conxunto da súa produción, para rematar cun panorámico pero completo percorrido polos diferentes títulos que nos trinta anos de oficio deu á luz Vidal Bolaño.

Non quero dar cabo a estas liñas sen recomendar a lectura do competente estudo introdutorio que se ofrece como solaina deste traballo, un prólogo asinado por un dos mellores coñecedores do universo Vidal Bolaño: Manuel Quintáns Suárez, quen foi, amais, persoa vitalmente moi próxima ao dramaturgo, co que compartiu angueiras e desvelos e a nacenza de moitos proxectos e iniciativas.

Neste ano tan sinalado para o coñecemento da vida e obra do autor de Animais, este libro que nos vén da man de Laura Tato Fontaíña pode moi ben ser un pedagóxico guieiro para internarse en tan complexo e vizoso territorio.





<<       > <