Homenaxe a Xosé Agrelo Hermo no fallo do Premio de Investigación de Historia Medieval de Galicia 2006.

(Casa do Concello de Outes, 17 de decembro de 2006)

Aínda que sexa a pedimento dun amigo, resultáme difícil hoxe estar onde estou: primeiro, porque hai presenzas insustituíbeis e, segundo, porque se, por vía de regra, é bo que afloren os sentimentos, as emocións, nalgunhas ocasións, como esta, non son boas compañeiras de viaxe.
Non é doado resumir nesta semblanza, no acto en que se falla o VI Premio de Historia Medieval co que el estivo tan implicado, o perfil profisional e humano, as vivencias de anos de amizade e contacto frecuente, sobre todo nos últimos anos, co mestre Pepe Agrelo. E quixera encontrar as palabras xustas para lembrar un home que non deixaba indiferente a ninguén, como ocorre con outras persoas das que gardas un recordo agradábel pero que, coa pasaxe do tempo, van esvaíndose na memoria e son como a imaxe que contemplas no álbum da nostalxia.

Non lembro exactamente o momento en que tiven a sorte de coñecelo naquela Noia que eu xa frecuentaba desde 1963. Foi na década de 1970 cando comezou a serme familiar a silueta esguía deste noiés, sempre acompañado de Manuel Hermida e, en períodos vacacionais, de Xosé Iglesias “Cregueiro”. Conversas os domingos pola mañá en torno a un vaso de viño, intereses e angueiras comúns, deron paso a unha relación de respecto e admiración pola súa persoa e pola súa obra. En 1983 acudiu por primeira vez ao centro en que desempeño a miña actividade docente: eu tiña grande interese en que representase ante o meu alumnado, futuros mestres e mestras, aquel espectáculo, Os soños na gaiola, a partir dos poemas de Manuel María e a música de Suso Vaamonde, espectáculo que montara co grupo infantil “Agrocobo”, fundado e dirixido por el con nenos e nenas do colexio de Esteiro. Quedei asombrada daquela montaxe, insólita naquela altura, e souben entón que estaba ante un HOME DE TEATRO, así, con maiúsculas. Coa súa inseparábel compañeira, Solita Roo, en labores de atrezzo e maquillaxe, apoio firme e constante, sempre ao seu lado, non detrás como predica o tópico para moitas mulleres, chegou coa rapazada e, ao baixar do autobús que os trasladara, detívose antes de subir as escaleiras e, con certa solemnidade, con certa teatralidade, díxolle a aquelas criaturas: “Nenos, entrade con respecto. Estamos na Universidade”. Aqueles cativos e cativas de sete anos, que bordaron a actuación, guiados pola man sabia de Pepe, o que querían era brincar e comer os bocadillos de “chourisón”, así o pedían, que lles ofrecemos despois da representación.
U home de teatro, que iniciou na década dos 60 unha intensa relación con este mundo polo que sentiu verdadeira paixón: autor, actor, director, promotor de grupos de teatro infantil e de adultos: “Talía” de Noia (1962-66), “Candea” de Noia (1973-80), “Agrocobo” grupo infantil de Esteiro (1975-98), “Xestruxo” de Esteiro (1982-86) e “O Xeito” de Esteiro (2004), van unidos indefectiblemente ao seu nome. Con “Candea”, grupo comprometido co teatro popular, coa lingua e con Galiza, fixo centos de representacións durante sete anos por toda a xeografía galega en salóns de bailes, igrexas, garaxes, sen apenas medios pero co entusiasmo e o pulo que contaxiaba o seu director. Nesta singradura sempre estivo acompañado pola súa compañeira, Solita Roo, primeiro como actriz e despois como membro do persoal técnico (atrezo e maquillaxe), e contou tamén co apoio e axuda dos fillos, Cristina e Xosé Ramón. No repertorio deste grupo e dos que despois fundou había obras dos nosos clásicos (Álvaro das Casas, Leandro Carré, Blanco Amor, Castelao) e obras escritas por él, ben coñecidas polo público que acudía ás representacións, como Noite de lobos, Metá a metá e O mestre, publicadas anos máis tarde na colección de Toxosoutos “Cuadernos Cruceiro do Rego”, co título Candea 70. Consciente de que o teatro é un xénero moi axeitado para o traballo nas aulas e un medio importante para a galeguización, fundou o grupo infantil “Agrocobo” e fixo montaxes de obras de Manuel María, Dora Vázquez, Manuel Fernández Núñez ademais de escribir obras para este público infantil (Sogima, O cartafol de Ruperto, O ensaio, Premio Estornela 2004 da Fundación Neira Vilas). Na nosa memoria sempre ficarán eses personaxes “redondos” que el creou: O Cortizo, O mestre; Rita, Ricolo, María… Sabedor de que o teatro non é só o literatura senón unha polifonía de signos visuais e auditivos: luz, música, vestuario, maquillaxe… que forman un todo, neste traballo de carpintaría teatral foi un autentico creador. E soubo ademais transmitilo para educadores que quixesen/ que queiran levar o teatro á escola a través do libro O xogo dramático (de, con, por, para NENOS), (1990).
Na década dos 90 convideino de novo a representar para o alumnado de maxisterio unha obra co grupo infantil citado. Desta vez representou O espantapaxaros, adaptación teatral do conto do mesmo nome da súa autoría. Daquela a representación foi seguida dunha intervención de Agrelo, moi valiosa do punto de vista didáctico, ante un abarrotado auditorio de alumnos e alumnas, que seguiu a súa exposición sen pestanexar. Se non soubese xa que era un MESTRE, tamén con maiúsculas, teríao comprobado entón. Mestre vocacional, mestre entregado, mestre en constante proceso de renovación, cunha metodoloxía axeitada ao tempo e ao espazo, que soubo inculcar nos escolares que formou o amor ao propio, o amor pola lingua e cultura galegas. Exerceu a docencia na Serra de Outes (1968-69), en Torea-Muros (1969-74), en Esteiro-Muros (1974-98) e no IES “As Insuas” de Muros, onde foi director (1998-2003). Xubilouse en 2002. No exercicio da docencia encontrou a verdadeira vocación: para as moitas xeracións de escolares que formou co seu saber, o seu exemplo e o amor á terra, sempre será unha referencia.
Dentro da súa polifacecia, penso que estes dous mundos, o da docencia e o do teatro, unidos ao de activista cultural, son os que mellor definen a traxectoria deste noiés nacido na freguesía de Santa Cristina de Barro (Noia, A Coruña), en 1937, que estivo un anos no Seminario Conciliar de Santiago onde fixo estudos de Humanidades e Filosofía e, despois dunha estadía en Madrid, voltou a Noia, titulouse en Maxisterio e, anos máis tarde en Filoloxía Románica.
Activista, axitador (no sentido que ten o termo), dinamizador cultural. As xentes do Barbanza, e fóra dela, sábeno ben. Durante anos estivo sempre presente en todo tipo de iniciativas culturais (o xornal Barbanza, do que foi Redactor-xefe, as revistas A Motora e Alameda) ou na filantrópica empresa editorial Toxosoutos, ao lado de Manuel González Millares, que hoxe ten un catálogo con 300 exemplares e coleccións tan importantes como Keltia, Fasquía, Galicia en cómic, Memoralia ou Trivium, onde teñen cabida os libros deste “Premio Historia Medieval de Galicia”, onde a súa presenza foi constante desde que se creou

Dentro desa polifacecia a que facía alusión hai un momento, non esquezo o cultivo da escrita de creación materializada en libros de xénero narrativo, como o conto O espantapaxaros, co que obtivera o Premio da Asociación Cultural O Facho en 1971, ese personaxe delicioso para os máis pequenos, con sombreiro esfuracado, cachimba inglesa, situado nunha agra fronte á escola, que vía a nenos e nenas estudar e, de paso, ía adquirindo cultura, que despois ficou sen traballo ao emigrar o amo a Alemaña e foise desfacendo amodiño. Ou a novela Os sete coitelos, (1994), con tantos rasgos autobiográficos no personaxe de Andrés Arcos Lens, ese estudante do Seminario de Santiago que tal vez chegaría a bispo, que abandonou, como di na novela, o barullo da filosofía eclesiástica e a hipocresía clerical antes de coñecer a éxtase da consagración. Ou ese Rumbo ao Maluco, premio ex aequo no II Certame literario de relato de aventuras “Avilés de Taramancos”, onde conta a viaxe iniciática do grumete noiés Antón de Noia, que acompañou a Magalhaes na procura das Illas Malucas (O Maluco).
Mais Agrelo é autor de obra extensa: aquelas Efemérides noyesas, en colaboracion con Manuel Hermida, de grande utilidade pola cantidade de datos que presenta; o libro de recursos didácticos (Aproximación didáctica á obra de Antón Avilés de Taramancos, en colaboración con Pilar Sampedro; de ensaio biográfico (Avilés de Taramancos, Alejandro Rodríguez Cadarso, Doce grandes escritores galegos); autor do guión do cómic Noia, porto de Compostela, con ilustracións de Veiras Manteiga; das reseñas históricas A freguesía de Santa Cristina de Barro e A freguesía de Santa Mariña de Esteiro en colaboración con Francisco Abeijón Núñez; e autor, así mesmo, dos libros Derrota e singraduras do Joaquín Vieta Catastro de Ensenada. Noia e a súa xurisdición (1752). Traballador infatigábel, ten no prelo de Toxosoutos o libro De Pedro A Ratzinger, e deixa varias obras inéditas: “Cantiga da costureira poeta”, un texto versificado para escolares que relata a vida de María Mariño; Catastro da Ensenada de Boiro; unha novela histórica medieval e un relato sobre a Noia dos anos 50.
Non podo deixar de ter presente, nesta semblanza necesariamente incompleta, a faceta política. Como cidadán que vivía intensamente os problemas do seu país, que defendía con vehemencia, militou no nacionalismo desde 1975 na ANPG; foi candidato ao Senado polo BNPG en 1977 sendo a persoa máis votada, ao Congreso en 1979 e concelleiro en Muros durante oito anos de 1979 a 1987.
Ademáis dos premios literarios que xa indiquei, foi galardoado co “Leixapren) en 2001 e co Mdalla de Ouro da Vila de Muros en 2003.

Todo vai pasando nas traxectorias vitais das persoas, até a propia vida, como aconteceu co noso amigo. Ao final, alén de reseñar tan importante actividade cultural, o que salienta sobre todo é o ser humano: en medio de tanto arribismo, de tanto oportunismo, de tanta mediocridade, a figura de Agrelo érguese a unha altura que non son quen de medir. Cada unha das persoas que con él nos relacionamos lembramos diferentes momentos que con el compartimos e que permanecen fixados nesta ollada xa retrospectiva: aquela noite inesquecíbel de febreriro de 1988 na Horta do Mar, a ponto de saír o 1º número de Barbanza, ao comezo autenticamente artesanal, él como Redactor-Xefe, o meu home como maquetador, Manolo González como impresor, eu como correctora, e Mariña e Solita alentando, axudando e apoiando todo o proceso; ou aquelas tardes do verán de 2001 en que un grupo heteroxéneo de persoas tivemos a sorte de ser dirixidas por el para a posta en escena de Os vellos non deben de namorarse; ou as viaxes de traballo ou lecer a diferentes lugares da xeografía galega. En todos estes momentos sempre destacaba a amenidade deste contador de historias: tamén aquí estaba o home de teatro que sabía engaiolar a quen o escoitaba; estaba o home entrañábel, cordial, respeitoso, conciliador, cunha forza e convicción naturais, elemento ponte entre diversas xeracións, e do que sempre aprendías. E estaba ese avó orgulloso de Antón, Cristina e Rosalía, quen tiña sempre presente nas súas conversas, o pai orgulloso de Cristina e Xosé Ramón, o conmpañeiro de andadura de Solita, o amigo dos amigos.
Así foi PEPE AGRELO
.

.

 

 

 

E-Mail:editorial@toxosoutos.com