Biografía de Xosé Agrelo

'"Meu querido Mestre: Quero que chegue a ti todo o meu sentimento e todo o meu vigor para aplaudir máis forte que ninguén, e poñer a miña ponla de carballo na coroa que mereces"

(Avilés de Taramancos, 1992)

Naceu o 10 de abril de 1937 na freguesía de Santa Cristina de Barro (Noia, A Coruña). Criouse, como el mesmo deixou escrito, na época do estraperlo, do racionamento e do wolfram. Aos dez anos marchou para o Seminario Conciliar de Santiago onde estudou Humanidades e Filosofía e, a punto de profesar o sacerdocio, abandonou e marchou a Madrid –tiña naquela altura vinte e un anos–, onde traballou de mozo de carga, tenedor de libros, vendedor a domicilio, de profesor particular de latín e grego e de montador ascensorista, mentres seguía estudos de cinema e xornalismo. Desiludido, endurecido polo traballo físico, e co servizo militar feito, voltou a Noia. Estudou a carreira de Maxisterio por libre e, anos máis tarde licenciouse en Filoloxía Románica. Exerceu a docencia en colexios públicos de Boiro, Outes, Torea e Esteiro, onde se xubilou como Director do CEIP “As Ínsuas” en 2002. No exercicio da docencia encontrou a verdadeira vocación: para as moitas xeracións de escolares que formou co seu saber, o seu exemplo e o amor a Galiza, o mestre Xosé Agrelo sempre será unha referencia.
Simultaneamente coa dedicación ao ensino, iniciou na década dos 60 unha intensa relación co mundo do teatro, polo que sentiu verdadeira paixón: autor, actor, director, promotor de grupos de teatro infantil e de adultos. Foi un home de teatro e nesta singradura sempre estivo acompañado pola súa compañeira, Solita Roo Rey, primeiro como actriz e despois como membro do persoal técnico (atrezo e maquillaxe), e contou co apoio e a axuda dos seus fillos, Cristina e Xosé Ramón. Na andaina inicial dos 60 e como codirector do grupo “Talía” de Noia, representou comedias de humor de Miguel Mihura, Juan Chorot e Carlos Llopis. En 1973 fundou, e dirixiu, “Candea” do Liceo de Noia, grupo comprometido co teatro popular, coa lingua e con Galiza que durante sete anos fixo centos de representacións por toda a xeografía galega en salóns de bailes, igrexas, garaxes, sen apenas medios pero co entusiasmo e o pulo que contaxiaba o seu director. “Candea” montou os seguintes espectáculos: Romance de Micomicón e Adhelala de Blanco Amor (1973); Pancho de Rábade de Álvaro das Casas (1974); Rexurdimento de Leandro Carré (1974), e as obras da súa autoría: Noite de lobos (1975); Metá a metá (1976) e O mestre (1978). En 1980 fundou en Esteiro o grupo “Xestruxo” co que representou: Os vellos no deben de namorarse de Castelao (1981), Pancho de Rábade (1982) e Metá a metá (1983). En 2001 fixo unha nova montaxe de Os vellos non deben de namorarse cun grupo organizado no seo do Liceo de Noia. Desde 2004 puxo a súa experiencia ao servizo do grupo “O Xeito Teatro” da Asociación Cultural “Do Xeito” de Esteiro, co que dirixiu as montaxes de O achado do Castro (2004) e Os vellos non deben de namorarse (2005). Consciente da importancia de levar tamén o teatro ás aulas, fundou e dirixiu o grupo infantil “Agrocobo” co que representou: Auto dos Reis Magos, anónimo (1975); O espantallo da súa autoría (1976); O telegrama de Manuel Fernández Núñez (1977); Os vellos non deben de namorarse (1978); Xuicio no bosque de Dora Vázquez (1981); Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1982) e Os soños na gaiola 19(1983), ambas de Manuel María. Neste mundo do teatro, e dentro da súa faceta de autor, viron a luz as obras que creou para “Candea”, Candea 70 (Tres pezas de teatro) (Toxosoutos, 1989) e O ensaio (Do Castro, 2005), que obtivo o Premio Estornela 2004 da Fundación Neira Vilas. Como actor interveu nas representacións de Noite de lobos e O mestre, dirixidas por el, e fixo unha incursión no cinema na curtametraxe Macana de dote ché, con guión de Euloxio Ruibal e dirección de Miguel Castelo.
Como autor de creación, alén do teatro, cultivou tamén a narrativa e deu ao prelo o conto infantil O espantapaxaros (Galaxia, 1972), Premio “O Facho” 1971; a novela Os sete coitelos (Toxosoutos, 1994) e o relato Rumbo ao Maluco (Toxosoutos, 2003), Premio”Avilés de Taramancos” 2003). É autor así mesmo de diversas obras de ensaio biográfico, de reseñas históricas, de guión de cómic, de recursos didácticos, de investigación: Efemérides noyesas (El Eco Franciscano, 1971), en colaboración con Manuel Hermida; O xogo dramático (de, con, por, para NENOS), (Toxosoutos, 1990); Aproximación didáctica á obra de Antón Avilés de Taramancos (Toxosoutos, 1995), en colaboración con Pilar Sampedro; A freguesía de Santa Cristina de Barro (Toxosoutos, 1996); Noia, porto de Compostela (Toxosoutos, 2002), con ilustracións de Xosé Luis Veiras Manteiga; Avilés de Taramancos (Toxosoutos, 2002); O cartafol de Ruperto (edición dixital, Biblioteca Virtual Galega, 2002); Alejandro Rodríguez Cadarso (Toxosoutos, 2004); A freguesía de Santa Mariña de Esteiro (Toxosoutos, 2004), en colaboración con Francisco Abeijón Núñez; Derrota e singraduras do Joaquín Vieta (Toxosoutos, 2005); Catastro de Ensenada. Noia e a súa xurisdición (1752) (Toxosoutos, 2006). Traballador infatigábel, ten no prelo de Toxosoutos o libro De Pedro a Ratzinger, e deixa varias obras inéditas: “Cántico da costureira poeta”, dedicado a María Mariño; Catastro da Ensenada de Boiro; unha novela histórica medieval e un relato sobre a Noia dos anos 50.
No terreo social, viviu intensamente e defendeu con vehemencia os problemas do seu país. Militou no nacionalismo desde 1975 na ANPG; foi concelleiro en Muros durante catro anos en representación do BNPG e figurou na candidatura ao Senado en 1981, sendo a persoa máis votada.
Como dinamizador de iniciativas e empresas culturais, foi Redactor Xefe e colaborador do xornal quincenal Barbanza, que editou a “Asociacion Cultural Barbanza”, do que saíron corenta e dous números; pertenceu ao Consello de Redacción e colaborou con diversas seccións na revista Alameda desde o primeiro número (maio de 2000), editada pola Sociedade Recreativa e Cultural Liceo de Noia. Desde 1988 foi Director da Editorial Toxosoutos e alentou numerosas coleccións, algunhas tan importantes como “Keltia”, “Trivium”, ou “Memoralia”, por citar tres, que el contribuíu a engrandecer.
Coa súa morte, Galiza perde unha figura importantísima no mundo cultural, elemento ponte entre diveras xeracións, home entrañábel a nivel humano, conciliador e, ao tempo, firme nas súas conviccións
.

 

 

   

 

 

   

E-Mail:editorial@toxosoutos.com

 

<% detalles.Close() %>